Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A casa-museo de Manuel María abre as portas ao profesorado

LUGO

A xornada informativa terá lugar este sábado a partir das 10.30 horas

30 sep 2015 . Actualizado a las 13:15 h.

A casa-museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, abre as portas ao profesorado, nunha xornada informativa que terá lugar este sábado a partir das 10.30 horas. O obxectivo é axudar a deseñar as visitas escolares que se están a programar para este curso á casa natal do escritor outeirense. 

A xornada de portas abertas, que se desenvolverá en horario de mañá e de tarde, incluirá visitas guiadas á casa-museo. A finalidade é coñecer como se desenvolven habitualmente as visitas e como se poden adaptar a cada etapa escolar. Tamén se fará un achegamento aos diferentes recursos didácticos que o espazo ofrece como complemento, desde a música, o audiovisual ou as TIC, ata as posibilidades que a palleira, a aira ou a horta da Casa de Hortas ofrecen como espazo de xogos ou actividades que os mesmos centros poidan preparar previamente na aula.

A actividade incluirá tamén a visita a algúns espazos da contorna da casa natal do escritor de «Terra Chá» ou «Os soños na gaiola», e que foron escenario esencial da súa intimidade poética, o que el definía como a «tribo» de Outeiro de Rei: a Carballeira de Santa Isabel, a fonte comunal ou as Penas de Rodas. Pola tarde visitarase a olería de Bonxe e a Lagoa de Cospeito, á que Manuel María lle dedicou un poemario completo, «Poemas para dicirlle a dúas lagoas». Trátase de toda unha proposta de roteiro a través da que coñecer a rica biodiversidade chairega en diálogo directo coa obra do escritor ao que se lle dedican as Letras Galegas do 2016.

Na xornada poden participar profesores de todas as etapas do ensino, persoal dos departamentos de Lingua Galega, equipos de dinamización lingüística, responsables das saídas escolares ou dos clubes de lectura das bibliotecas. Os interesados en participar na xornada ou en recibir máis información poden dirixirse ao teléfono 698 177 621 ou escribir ao correo contacto@casamuseomanuelmaria.gal.