No Encontro Universitario de Danza Contemporánea participarán cinco compañías de danza nacidas ao abrigo do Espazo de Danza da USC
08 abr 2016 . Actualizado a las 14:38 h.O duodécimo Curso de Primavera da USC, que se desenvolverá do 19 ao 22 abril na Facultade de Humanidades baixo o título «Cultura e Humor», e a catorce edificón do Encontro Universitario de Danza Contemporánea, que presentará os días 22 e 23 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) cinco coreografías producidas por outras tantas compañías de danza universitaria xermoladas na USC, reforzarán este mes a programación cultural do campus lugués.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o deputado delegado da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Xosé Ferreiro; a profesora do Departamento de Filosofía da USC María Xesús Vázquez Lobeiras, que é coordinadora, xunto co catedrático Alexandre Veiga, do curso de primavera da USC, e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, presentaron as novas edicións duns programas de arte e pensamento, organizados ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que contan xa con marcado arraigo na axenda cultural luguesa.
A temática escollida para esta nova edición do Curso de Primavera da USC é suficientemente ampla como para poder ser abordada de xeito interdisciplinar polo conxunto de áreas representadas na Facultade de Humanidades de Lugo, a única definida como interdisciplinar en toda a USC, segundo indicou Vázquez Lobeiras. A coordinadora deste curso monográfico sinalou asemade como motivo engadido para esta escolla a evocación da memoria do pensador lucense Celestino Fernández de la Vega, autor do senlleiro ensaio «O segredo do Humor» (1963).
O curso abrangue tanto as manifestacións do humor na literatura ou na política antigas, ate sucesos tráxicos como o episodio de Charlie Hebdo, un tema que recentemente sacudiu os piares da convivencia e do que tratará o profesor ad honorem de Humanidades Max Jean Zins.
A participación neste programa de ex alumnos da Facultade de Humanidades que xa se teñen aberto paso no eido da cultura debido é outro dos aspectos salientados polos organizadores deste curso de primavera da USC, que destacan a participación neste programa do escritor Luis Valle Regueiro, así como dos humoristas e artistas escénicos Carme Conde, Brian Cortiñas e Rubén Pérez. Vázquez Lobeiras sinalou asemade que os estudantes de intercambio xaponeses que acolle a Facultade de Humanidades participan tamén no evento a través dun obradoiro creativo sobre o humor coordinado por María Sandra López.
Aberto o prazo de inscrición
As persoas interesadas en participar no curso de primavera da USC «Cultura e Humor» poden formalizar a inscrición na área de Cultura do Campus de Lugo. Para obter máis información respecto ao desenvolvemento deste programa, para o que sen solicitado o recoñecemento dun crédito académico, poden chamar ao número de teléfono 982 821 513 ou dirixirse a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es
Encontro Universitario de Danza Contemporánea
A décima cuarta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un foro artístico pioneiro en Galicia e tamén dos máis lonxevos do panorama universitario español, congregará os días 22 e 23 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) cinco compañías de danza nacidas ao abrigo do Espazo de Danza da USC e baixo a dirección de Juan Carlos Zahera nos campus de Lugo e de Santiago (DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña do IV Ciclo e as novas formacións independentes: Compañía Camiños e a Compañía Efímero Divadlo), presentarán distintas producións propias.
A nova compañía independente Camiños, abrirá o 22 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL, o programa de representacións do XIV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC coa coreografía «Desconexión». De seguido Efímero Divadlo porá en escea a coreografía «Alien», interpretada e con corografía por Daniel Lazso, á que seguirá «Tras a pel», a cargo da compañía danzaUSCLugo.
A compañía danzaUSCompostela xunto coa Orquestra do Espazo de Cámara da USC presentará o sábado 23 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL a obra «O mesmo océano abrázanos longamente», unha nova produción colectiva propia. Logo da intervención desta formación artística, a compañía Sen Vergoña de IV Ciclo da USC representará «Tanto en tan pouco». O encontro de danza rematará cun novo pase da a compañía danzaUSCLugo.