Casares en Verines

Antón Grande TRIBUNA

LUGO

26 may 2017 . Actualizado a las 22:14 h.

A ló polo ano 1985, o entón catedrático da Universidade de Salamanca, Víctor García de la Concha, deu en organizar os chamados Encuentros de Verines, na casona do mesmo nome en Pendueles, no concello asturiano de Llanes, que chegan agora á súa XXX edición e cos que trataba de xuntar a escritores dos diferentes idiomas do Estado e a críticos literarios para debatir encol do tema escollido para a ocasión. Na súa terceira edición, no ano 1987, os Encuentros foron adicados á narrativa e a eles fomos invitados un pequeno grupo de escritores galegos, comandados por Carlos Casares que faría a ponencia principal sobor da narrativa galega, para dar paso logo á participación dos contistas galegos. Neste pequeno grupo había unha importante presencia de lucenses xa que nel figuraban Marina Mayoral, Carlos G. Reigosa e o que esto escrebe, completando o quinteto galego Suso de Toro e o propio Casares.

Os Encuentros tiñan unha doble dimensión: por unha banda a oficial, os debates e a participación dos diferentes escritores; pola otra, as tertulias que tiñan lugar pola noite, neste caso a dos galegos, como nos chamaban, comandada por Casares pero que grazas ao seu bo facer como narrador oral, atraía a outros escritores á mesma como era o caso de Montserrat Roig, a quen unía unha grande amistade con Casares, Antonio Muñoz Molina ou Juanjo Millás.

O certo é que Carlos Casares dominaba a escea e notabase un certo respeto por il por parte dalgúns dos escritores alí presentes. Realmente eu non sei onde aprendín máis, si nas xuntanzas oficiais programadas ou nas tertulias nocturnas. O que si podo dicir é que aquel septembro de 1987 foi un mes moi completo para min. Por elo aindo sigo lembrando esa data e o maxisterio de Carlos Casares pero maiormente, a súa verba fácil e pausada. Todo un maestro.