«O movemento veciñal de Lugo ten que evitar morrer de éxito»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO

kike

Vázquez anuncia que en xaneiro haberá cambios no organigrama da dirección da federación veciñal

25 dic 2017 . Actualizado a las 11:05 h.

En xuño de 2001, Jesús Vázquez asumiu a presidencia da Federación de Asociacións de Veciños, cando aínda só tiña ámbito local e estaba integrada por unha ducia de colectivos. Hoxe a federación é provincial, reúne a 257 asociacións e ten unha capacidade de mobilización social moi considerable. Algúns síntomas indican que esta organización atravesa unha crise de crecemento na que xogan factores endóxenos e esóxenos que crean tensións internas, cuxa solución demanda algúns cambios organizativos. Vázquez anuncia que a primeiros de ano haberá algunhas reformas. «O movemento veciñal, a federación ten que evitar morrer de éxito», di Vázquez, que é presidente honorario da Confederación Galega de Asociacións, que dirixiu durante dous mandatos.

-O asociacionismo veciñal en Lugo alcanzou un nivel de influencia como non podía preverse hai unha ducia de anos...

-Si. Non é ningún secreto que a capacidade reivindicativa de Lugo non é moi alta. Por iso, nós decidimos estender a federación a toda a provincia. Nestes momentos somos o movemento veciñal máis importante de Galicia. E temos que evitar morrer de éxito.

-Nos últimos meses a federación tivo un par de problemas por un comunicado sobre os incendios forestais, que molestou a un partido, e outro sobre o presuposto municipal, que causou malestar noutras organizacións políticas. ¿Que pasa na federación?

-Pois quizais é algo así como unha crise de crecemento. Internamente somos un colectivo no que hai moi diferentes sensibilidades políticas, e sobre el inciden desde o exterior as liñas de presión dos partidos, como é natural. E para levar a cabo os nosos proxectos necesitamos financiación. É fácil entender que é un cóctel difícil de manexar. Somos como funambulistas nun arame moi inestable; temos que entendernos con diferentes gobernos mentres mantemos a nosa capacidade reivindicativa. En xaneiro abordaremos unha revisión do organigrama da directiva, en canto á distribución de competencias, coordinación, etcétera. Será, iso si, un cambio no sentido de facer equipos. Eu non creo nas individualidades neste tipo de colectivos; se non hai equipo non hai nada que facer.

-A raíz dos problemas ocasionados polos dous comunicados polémicos, volveuse escoitar que están demasiado vinculados aos gobernos do Concello e da Deputación...

-Xa dixen antes que a xestión dun colectivo como a federación ten moito de funambulismo. Cando na Deputación gobernaba Francisco Cacharro dicían que faciamos o que lle interesaba a Cacharro. Despois chegou á presidencia Besteiro e dicían o mesmo. Supoño que é inevitable. Eu sempre recordo que o conselleiro Xesús Palmou (PP) creou as axudas para o movemento veciñal e despois Méndez Romeu (PSOE) suprimiunas. É inevitable que en cada momento se diga por uns ou por outros que estamos con estes ou con aqueles. A federación o que ten que facer é impulsar a solución dos problemas que teñen os veciños. Fixémolo cos servizos de HULA (imos conseguir hemodinámica 24 horas), facémolo co tren, coa terceira idade e coa zona rural.

-¿Hai posibilidades de relevo xeracional no movemento veciñal?

-É un gran reto, si. Non hai moita implicación de xente nova no asociacionismo veciñal e, a verdade, é que non vexo un grupo con ganas de coller o testigo. É algo que me ten preocupado, porque o ideal sería que se puidera preparar con tempo un equipo. Xa dixen antes que hai que evitar que o movemento veciñal en Lugo morra de éxito; co tamaño que ten a federación, se hai problemas graves de relevo, as cousas poden saír mal.