Non perde vixencia a proclama contra os incendios forestais de “Cuando un monte se quema, algo tuyo se quema”, coa réplica de Perich de “Cuando un monte se quema, algo suyo se quema, señor Conde”. Por estraña asociación de ideas, pensei que diante da desaparición do Banco Pastor poderíase dicir en pura parodia, “Cando un banco desaparece, algo seu desaparece, Señor Conde de Fenosa”.
Porque o Pastor estaba vinculado aos poderosos coruñeses, especialmente ao financeiro Barrié, que Franco nomeou Conde das Forzas Eléctricas do Noroeste. E o Banco Pastor tiña no Cantón un monumental edificio, proclama de señorío e poder.
O Pastor foi un banco galego emblemático, posuidor da segunda rede bancaria de Galicia, pero hoxe é un ente en extinción, e dentro de pouco unha lembranza.
Tempos houbo en que os bancos eran aventuras locais de financeiros ou grupos de presión, e xurdían entidades como o chantadino Banco de Soto, que acabou integrado no Banco de Galicia; este, á súa vez, no Popular, e por fin no imperio Santander. E algunha destas aventuras acabou mal, lembrando a quebra da Banca Romero que causou a ruína de moitos galegos.
Que desapareza un banco galego, caso do Pastor, non é que “algo do Señor Conde” se perdese, senón que se perdeu algo noso, e que as súas 400 oficinas xa non pensan en galego, aínda que sexan galegos os que nelas traballan.
Un banco funciona con diñeiro que -á parte da tonalidade dos billetes- non ten cor, ideoloxía nin alma. Pero cando desaparece un banco galego algo noso desaparece ao integrarse en algo máis grande e poderoso que non vai sentir en galego.
O Pastor súmase tamén a outros bancos de raíz galega que desapareceron na última década e que xa forman parte da historia.