Conferencias sobre romanos e castrexos

LUGO

CEDIDA

Catro destacados especialistas abordarán diferentes aspectos antes do inicio do Arde Lucus

04 jun 2018 . Actualizado a las 20:42 h.

A concelleira de Cultura, Carmen Basadre, presentou a programación de conferencias que ten preparadas o Concello para os vindeiros días como colofón ao Arde Lucus Cultural, que nos últimos tres meses ofreceu medio cento de actividades, previas ao Arde Lucus. No acto estivo presente o arqueólogo municipal, Enrique González, así como o presidente da asociación de recreación histórica Cohors III, que colabora na programación de charlas, Miguel Alvelo, e outros membros da directiva deste colectivo. O ciclo de conferencias engloba catro charlas. Arrincará este venres cunha charla sobre gandería, caza e animais de compañía na Galicia romana. O doutor en Xeografía e Historia na Universidade de León, Carlos Fernández Rodríguez, será o encargado de inaugurar este programación. A seguinte terá lugar o luns 11, a cargo do arqueólgo Xurxo Ayán, que contará as memorias dun esquelete: etnoarqueoloxía no campo santo medieval do Castro de San Lourenzao en Cereixa, situado na Pobra do Brollón. Ao día seguinte, o día 12, será a quenda de Rafael María Rodríguez, quen falará sobre o xacemento da Lanzada. O ciclo pecharase o mércores 13, da man da exarqueóloga municipal, Covadonga Carreño, cunha ponencia sobre a primeira praza pública de Lugo: O Foro Romano. Todas as conferencias serán ás 20.00 horas no Vello Cárcere.