
Foron atopadas polo Colectivo Patrimonio dos Ancares, quen por outra parte felicita a Finsa por acondicionar unha mámoa nun terreno seu en Begonte
03 dic 2018 . Actualizado a las 13:31 h.Os membros do Colectivo Patrimonio dos Ancares, nunha visita que fixeron a Guitiriz, acaban de documentar unha nova mámoa e un novo castro. Foi en concreto nas inmediacións da aldea de Ferreiros, na parroquia de Santa Cruz de Parga. A mámoa, situada nunha pradería, ten unhas medidas duns 16 metros de diámetro e 0,50 de altura. Desde o colectivo sinalan que no centro obsérvase un cráter de violación moi colmatado. Atópase a uns 650 metros das dúas mámoas da Fonte de Pedrasos que si están catalogadas pola Xunta de Galicia.

A uns 300 metros desta mámoa, moi cerca da aldea, «documentamos un novo castro. Está situado a uns 500 metros de altitude, nunha pequena elevación do terreo que cae cara o río de Fonte Ribeira. De forma case circular, ten unhas medidas duns 90 metros de diámetro. Conserva case toda a muralla no seu perímetro, excepto uns 20 metros polo norte, polo que se aprecia á pefección. Nalgúns tramos, a muralla acada os 2 metros de altura. O interior do recinto foi utilizado para labores agrícolas; na actualidade úsase como pastizal. Chámanos a atención que estea sen catalogar xa que se trata dun castro moi claro, ademais de ser coñecido polos veciños co evocativo nome de O Castro».
Estas novas descubertas xa lle foron comunicadas por correo electrónico a Patrimonio da Xunta de Galicia.
Felicitacións
Por outra parte, o colectico patrimonial sinala que «acostumados ás desfeitas patrimoniais», queren manifestar a nosa satisfacción ao comprobar que a mámoa de máis de 30 metros de diámetro do Monte Pioto, na parroquia de Uriz (Begonte), en terreos da empresa FINSA, que os de noso colectivo descubrimos o pasado mes de maio de 2018, non vai ser afectada polas obras que se están a levar a cabo no lugar». A empresa xa delimitou a zona de protección da mámoa, deixando unha distancia suficiente entre a zona de obras e o túmulo funerario polo que non vai sufrir ningún tipo de alteración.
