Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Deputación quere potenciar a vía romana XIX ao seu paso polos Ancares

LUGO

Abre un prazo ata o 31 de xaneiro para recibir propostas de mellora

05 dic 2018 . Actualizado a las 21:58 h.

A Deputación abre o prazo de presentación para recibir iniciativas dos membros do órgano participativo da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses, destinadas a potenciar a vía romana XIX, de 99 quilómetros de extensión, feita entorno ao ano 11 d.C. Trátase da máis antiga das tres vías principais documentadas en Galicia (XVIII, XIX e XX), que unían as capitais dos tres conventos xurídicos do noroeste peninsular: Asturica Augusta (Astorga), Lucus Augusti (Lugo) e Bracara Augusta (Braga). Estes camiños foron fundamentais para a expansión do Imperio Romano. O percorrido polos Ancares desenvólvese por tramos da vía orixinal, e cando estes xa desapareceron, por camiños tradicionais e tamén por estradas que aproveitaron a vía romana. Fixouse o 31 de xaneiro como data límite para recibir propostas.

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, subliñou que «dado o interese que ten esta vía dende un punto de vista cultural e turístico, e dentro das posibilidades orzamentarias do 2019, propúxose abrir un prazo para a presentación de iniciativas que promovan a súa posta en valor e a súa difusión, co fin de convertela nun

atractivo patrimonial e turístico». O colectivo Patrimonio dos Ancares e outros colectivos do citado órgano amosaron o seu interese en potenciar e promocionar este roteiro, fundamentándose no feito de que, a pesares de ser a vía de comunicación antiga máis importante, apenas se coñece. En varios tramos dos concellos de Cervantes e de Becerreá, o organismo provincial colocou hai anos uns fitos que indican a ruta. Ademais, no ano 2008, a Deputación editou no marco do proxecto europeo Vías Atlánticas o libro Vía Romana XIX. Unha Viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma.