Gran noticia para Os Ancares

Xabier Moure

LUGO

PATRIMONIO DOS ANCARES

O historiador e membros de Patrimonios dos Ancares, Xabier Moure, amosa a felicidade pola declaración de BIC do castro de Santa María

20 dic 2018 . Actualizado a las 22:32 h.

A mediados do pasado outubro, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes presentamos ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a solicitude de incoación de expediente para que se declare como Ben de Interese Cultural (BIC) o castro de Santa María. A noticia de que se inicia o procedemento prodúcenos unha enorme satisfacción xa que na provincia só hai dous castros BIC: o de Fazouro e o de Viladonga, tendo en conta ademais que na provincia contabilízanse preto de 1.300 xacementos deste tipo (140 na comarca dos Ancares).

O de Santa María é un dos símbolos de identidade de Cervantes e dos Ancares. Sobre o castro construíuse un cemiterio baixomedieval (apareceron 56 tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos), a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio e a casa reitoral. Nos anos 1995, 1996 e 1999 realizáronse intervencións arqueolóxicas parciais que sacaron á luz 26 vivendas de uso doméstico separadas por pequenas rúas. Situado nun estreito val de montaña, nun pequeno saínte de ladeira orixinado polo río Quindous, tributario do Navia, o castro de Santa María foi habitado entre o ano 50 a. C. e o século II d. C., no período de transición do mundo prerromano ao romano.

O castro é de grande interese dende o punto de vista científico xa que pode achegar moitos datos sobre a investigación no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano nunha zona, ata o de agora virxe, que podería servir de contraste e complemento a outros estudos realizados en zonas mineiras.

Cómpre resaltar que ata o de agora apenas un 25% do castro foi escavado e estudado. Esta declaración vai supoñer un importantísimo avance no seu estudo, ademais de se converter nun referente patrimonial de primeira orde