Álex González: «Hai moitas barreiras arquitectónicas, pero as mentais son as peores» 

Yolanda García Ramos
yolanda garcía REDACCIÓN / LA VOZ

LUGO

PEPA LOSADA

En cadeira de rodas dende hai doce anos, o deporte axúdao a superarse a si mesmo

25 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba pola trintena cando un accidente de moto lle cambiou a vida ao deportista viveirense Álex González (Viveiro, 1976), aínda que aquel fatídico feito non lle impediu deixar de lado a súa paixón deportiva. Agora está no Club Baloncesto Viveiro, onde adestra a novos xogadores, pero estivo no CR Celeiro e logrou acadar naquela etapa en remo adaptado o título galego hai algúns anos, e quedar tamén terceiro a nivel nacional.

-Diferente o remo do baloncesto.

-Si. Foi pasar dun deporte individual a un colectivo e que agora compitan outros por min.

-Como se pasa peor, sendo adestrador ou xogador?

-Creo que se pasa peor de adestrador que de xogador. No Club Baloncesto Viveiro son primeiro adestrador de alevín feminino e segundo de infantil masculino.

-En alevín teñen xa 10, 11 anos... Como se leva esa fase que sería xa como unha preadolescencia?

-Nesa idade, lévanse mellor as nenas. Igual cando teñan 14 ou 15 anos, a ver... Pero as nenas son máis compañeiras e xogan máis en equipo, cando os nenos son como máis individuais, segundo a miña experiencia. Con todos os nenos aos que adestro son comprensivo e intento que gocen, que se formen como equipo e vaian mellorando pouco a pouco.

-Lembra os anos de remeiro?

-A min gústame o deporte en xeral. Cando facía remo, unha vez estabas na auga, enriba do kaiak, sentíaste libre.

-É deportista parapléxico. O accidente non lle freou a paixón.

-Vou en cadeira de rodas por un accidente de moto que tiven. Vai facer 13 anos agora en abril. Recordo a data: o 8 de abril.

-Antes diso, que practicaba?

-Xa facía baloncesto, dende neno ata os 20 anos. Sempre fun deportista: ía ao ximnasio, xogaba ao baloncesto, ía correr...

-Despois do accidente, en que lle axudou a vostede o deporte?

-Axudoume totalmente. Primeiro, a manexarme no día a día. Empecei a xogar nun equipo de baloncesto en cadeira de rodas, no Basketmi Ferrol. Abriume novas capacidades, unha nova forma de pensar. Tampouco se pode dicir que che cambia a vida para peor, iso depende da forma de pensar.

-En remo, que medallas obtivo?

-Fun terceiro de España e campión galego durante tres ou catro anos, primeiro no Club de Remo Celeiro e o último ano no Club de Remo San Felipe de Ferrol.

-Algún deportista ao que admire?

-A calquera que se supere a el mesmo. Quedar primeiro é moi bonito, pero cando competía en remo eu facíao para gañarme a min mesmo. Era remo adaptado. Encantábame. É un deporte duro. Tiñas que adestrar moito, pero eu sempre quería máis.

-Como leva o seu día a día vendo tantas barreiras arquitectónicas que aínda existen?

-É algo continuo. Hai moitas barreiras arquitectónicas, pero tamén mentais, que son as peores. Hai xente que non axuda e aparca mal. Pensan que son cinco minutos pero, se teño que dar a volta, a min pode levarme unha hora.

Coma calquera persoa entregada ao deporte, Álex González mira con lupa o seu coidado persoal. E dentro deste, a nutrición vén sendo clave para calquera deportista, sexa profesional ou afeccionado.

-Vai ao ximnasio todos os días? Madruga? A que hora?

-Si. Todos os días boto no ximnasio unha hora ou hora e media. Son de madrugar, si. Ao ximnasio vou ás nove da mañá.

-Xa sabe que adoita ser unha tradición de ano novo apuntarse ao ximnasio e logo un típico tópico non volver a pisalo. Supoño que vostede si amortiza a cuota.

-Si, iso que dis soe pasar.

-Como coida a nutrición?

-Por semana intento coidarme. Na miña casa cociño eu, por necesidade. Tamén se vas comer a casa de mamá poste como unha pelota... e eu teño que coidarme.