Algúns veciños de Navia de Suarna forman parte dunha asociación que demanda o coidado do monumento
08 dic 2019 . Actualizado a las 23:30 h.Os naviegos aínda non saben con detalle os pasos que deben dar para recuperar o castelo. Pero si senten que é unha cuestión de dignidade do pobo intentar recuperalo e que pase a ser parte do patrimonio de Navia: algo visible, visitable e valorado. Pos iso, algúns veciños do corazón do Ancares decidiron crear unha entidade: Asociación Veciñal Irmandade Naviega. Teñen claro que os dereitos dos herdeiros son intocables, e que a forma de lograr o seu obxectivo é que as entidades correspondentes paguen o que corresponda. Por iso, esperan que se fagan as reunións precisas para aclarar cuestións e chegar a un acordo. «Unir forzas pre facer forza». Este é o lema e tamén a actitude.
De momento, a documentación para crear a asociación xa está no rexistro e dende hai un mes. Serán dez as persoas que formarán parte da directiva e, de momento, case 200 persoas preinscribíronse para formar parte desta entidade que trata de recuperar tesouros como o castelo de Navia. «Había ganas de dar este paso», comenta o escritor naviego Toño Núñez. Unha das reivindicacións principais desta asociación é que se faga un mantemento sobre a estrutura do edificio.
Cando chega a maleza
Agora mesmo, das paredes do castelo crece incesante a vexetación. Ao estar en mans privadas, delas depende a decisión sobre se inverter ou non na conservación. A estrutura exterior periga e pode incluso supoñer un perigo para as casas próximas ao castelo e tamén para os viandantes
As orixes do castelo remóntanse a principios do século XI e foi destruído 500 anos despois durante a Guerra dos Irmandiños, aínda que hai quen cuestiona que os feitos ocorresen así. Despois, os Condes de Altamira reedificárono e exerceron o señoría sobre as terras ata a supresión dos dereitos no século XIX, segundo algunhas referencias. O castelo está feito sobre unhas rochas e conserva parte das primitivas murallas e torreóns, con dúas portas a diferentes niveis.
O castelo de Navia é un dos tesouros dos Ancares e podería converterse nun gran atractivo turístico. Ademais, permitiría a moitos naviegos viaxar ao pasado. «Eu de neno entrei moitas veces, e xogabamos alí. Pero se xa de aquelas non estaba en moi bo estado, non quero imaxinar como estará agora», engade Toño.