
A soprano ofrece o venres 15 un recital en liña desde a UNED para celebrar as Letras Galegas, xunto ao guitarrista José Manuel Brea
15 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A soprano, actriz e escritora Alma Selene, afincada en Lugo, e o guitarrista e compositor José Manuel Brea, ofrecen o venres 15 ás 19.30 horas un recital poético-musical en liña, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. O concerto, Amores poéticos, poderá seguirse desde a UNED de Lugo (http://extension.uned.es/actividad/21931&codigo=AMORE).
-Como xurdiu a idea deste recital?
-Cando cheguei a Galicia, aló por 1991, a miña paixón pola literatura levoume a ler a oito poetas, escritores e dramaturgos en lingua galega que deixaron profunda pegada en min. Tanto é así que eles serían os meus primeiros amores poéticos, os que marcarían a miña traxectoria literaria; os meus oito alicerces da beleza dunha lingua e dunha terra que se quedou en min e eu nela.
-Por que se chama «Amores poéticos» o recital?
-Porque descubrilos para min foi todo un frechazo. Sinto verdadeiro amor poético por cada un dos poetas aos que canto e recito neste concerto.
-Que oito escritores forman parte desta viaxe musical?
-Nesta viaxe marabillosa estarei acompañada polo músico José Manuel Brea, e xuntos saímos ao encontro da profunda Rosalía de Castro, a elegancia sinxela de Manuel María, a comedia do teatro de Castelao, a lírica galaico-portuguesa de Álvaro Cunqueiro, a espiritualidade de Xosé María Díaz Castro, a poética social de Celso Emilio Ferreiro, a poesía espida e sen máscaras desgarrada pola dor de Lois Pereiro e a evocadora madurez autopoética de amor, soidade e nostalxia de Pilar Pallarés. Cada poema, cada texto, cada canción é para nós fonte inspiradora de creatividade. Para iso, profundamos nas súas letras interiorizando en cada unha das palabras que integran os seus poemas, despois a música fainos fluír de maneira natural nesta gran viaxe musical e poética.
-Onde se desenvolverá?
-Este recital estaba previsto e concertado coa UNED de Lugo antes da crise sanitaria na que nos vemos inmersos, precisamente como homenaxe a cada un destes poetas para celebración do Día das Letras Galegas. A data acordada era o 15 de maio. Por motivos obvios, non puido ser así, pero como esta data de celebración parecíanos moi importante para Galicia e non queriamos suspendelo, optamos por ofrecelo igualmente, pero en liña, nas redes da UNED de Lugo, para que así o público poida gozalo desde as súas casas.
PROGRAMA
Rosalía de Castro
· Airiños, airiños aires (Cantares Gallegos)
· Adiós ríos, adiós fontes
· Unha vez tiven un cravo (Follas Novas)
· Negra sombra
Manuel María
· Versos do outono (Mar Maior)
· Balada íntima (Libro das baladas)
· Balada das vellas sombras
Castelao
· Lela (Os vellos non deben namorarse)
Álvaro Cunqueiro
· Quen poidera namorala (Cantiga nova que se chama Riveira)
Xosé María Díaz Castro
· Esmeralda (Nimbos)
· Coma unha espada
· Cortina
Celso Emilio Ferreiro
· Credo (Longa noite de pedra)
Lois Pereiro
· Declaración (Poesía última de amor e enfermidade)
Pilar Pallarés
· Ser poeta (Entre lusco e fusco)
· Dime, amor
· Terra de Deus
· A tarde, cun can e un livro (Livro das devoracións)
· Dormir-me na noite do teu pelo
· Foi a igualdade ou foi a diferenza? (Leopardo son)