Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pasar dos likes e acumular milleiros

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Leandro Barea ten decenas de miles de seguidores nas redes das que se nutre para a crítica social

21 jun 2020 . Actualizado a las 14:59 h.

Acumula 20.000 seguidores en Instagram, case 7.000 en Twitter e 90.000 likes en Facebook. «É a vinganza das provincias», di Leandro Barea. Recurre á cita dun amigo para explicar como o seu mural de Montirón pode rivalizar con calquera de París, Londres ou York. Tras unha longa experiencia de viñetista na Voz de Galicia apostou polo que lle parecía o futuro. A día de hoxe sinte incerteza, pero se manifesta contento: «Son optimista co que poda vir».

—¿Algunha vez pensou alcanzar esa repercusión?

—Non, ninguén o sabía. Cando deixara de colaborar con La Voz de Galicia sabía que o futuro viña máis por o tema online. Como di un amigo meu: «Internet foi a vinganza das provincias». Agora non hai que ir a París, Londres, Nova York para ver cousas, podes ver traballos de moita calidade de sitios como Lugo. Pero fai anos ninguén o podía imaxinar e a saber o que trae o futuro. Recordo cando traballaba en prensa escanear as ilustracións e penso que non se podía mandar máis dun mega por correo.

—Bota en falta non saber canto gusta un debuxo? Os likes parecen ser agora a medida.

—Antes todo era menos cuantitativo. Non o boto de menos porque non estou obsesionado co tema. Se o estivera, faría outro tipo de humor e ilustracións cos que sabes que triunfas. Eu fago un pouco o que me sae das narices, pero se queres facer algo para que se viralice está tirado: fas algo de política, sitúaste nun bando ou noutro e xa está. Antes non sabía o que funcionaba, pero tampouco o sei agora. Ás veces chéganme mensaxes de México, de Colombia... dicindo que lles gusta o meu traballo e é moi agradecido, pero o impacto que tes non o sabes. O autor de Tintín non sabe o impacto que tiña en min. É dicir, o teu traballo pode causar impacto en xente do que non es consciente.

—No seu caso, ri das redes sociais, cuestiónaas e, sen embargo, as súas ilustracións triunfan nelas.

—Si, é un paradoxo. Non é que me ría das redes sociais, que tamén me fan graza, pero é máis o tinglado arredor delas. A min, por exemplo, que teñas o Instagram cheo de selfies me parece absurdo. Pasoume un caso, cun perfil que me insultou por algo que publiquei. Mirei a súa conta e todas as súas publicacións eran selfies. Esas son as cousas que me chaman a atención, que só se publique contido persoal. Eu utilizo as redes como traballo, esa é a utilidade que lles vexo. Un amigo meu dicía que nunca fora tan difícil gañarse a vida ou tan fácil, que é a paradoxo de agora. Unha persoa que destripe a súa vida nas redes non a entendo, é como non ter paredes na casa, non lle vexo o sentido.

—Tamén se contabiliza o éxito dunha ilustración polo interese que esperta en persoas con criterio. Vostede recibiu a chamada de El País Semanal, Jot Down...

—Iso é a hostia. Case todos os traballos que me entran chegan por Instagram. Recordo cando tiñas que ir aos sitios cunha carpeta coas ilustracións. Así fun a La Voz de Galicia ou a El Jueves. Pero agora non fai falta, tes o Instagram. O director de arte de El País contactoume por Instagram porque gustáralle un libro meu. Busqueino e vexo quen é. Flipas porque antes non eran así os procedementos. Fai anos para publicar na Rolling Stone tivera que ir a Madrid a presentar os traballos.

—Os nenos que queiran dedicarse á ilustración atoparanse coa mesma presión de antes para que desistan?

—Non creas, pode ser presión social, familiar... pero se ao final é o que che tira o vas a facer. Penso que iso de «dedícate a algo con futuro» é máis doutros tempos.

—Como é o seu momento actual despois do cambio de modelo?

—Estou moi contento. Sinto un pouco de incerteza como todo o mundo despois de pasar esta sacudida do coronavirus, pero no fondo estou moi contento do cambio que fixen hai tempo. Son optimista co que pode vir. Conseguín moitas cousas que nunca pensei que puidera conseguir a nivel laboral e estou contento.