Non houbo sorpresas na noite electoral máis atípica de cantas vivimos. Baixou a participación, como cabía esperar das circunstancias nas que se produciu, pero non de xeito alarmante. Os resultados volveron aos partidos clásicos, como cabe esperar dun tempo de incertezas. Pero a análise do acontecido na provincia dá para cuestionar algúns tópicos verbo do rural: en zonas da montaña lucense concéntranse as poucas áreas nas que non gañou o PP, mentres nas mesas electorais de Lugo centro o seu triunfo foi claro.
Probablemente o que fique na memoria dos resultados do domingo sexa o afianzamento do BNG como oposición e do liderezgo na formación de Ana Pontón. A cuestión de xénero emerxeu nas súas palabras de reacción esa mesma noite. Abríase a posibilidade, de que algún día Galicia teña unha presidenta. En xeral, as primeiras mulleres que accederon a cargos políticos de primeira liña fixérono desde posicións conservadoras, porque sumar máis dun contradiscurso dificulta as cousas. Polo momento é reconfortante oír unha voz feminina contundente e de alto nivel dialéctico no parlamento galego.
O ámbito político ilustra perfectamente, malia as cotas, o teito de cristal, que semella estar feito dun vidro a proba de balas: ben está que vexamos paridade entre ministras e ministros, pero o feito de que o 95% dos rexedores mundiais sigan sendo homes é un signo patente da falta de igualdade no acceso ao poder. O que hai uns anos sería impensable en Galicia estivo a catro escanos de presentarse como unha posibilidade moi real. Iso si tería sido unha sorpresa das que perduran e mudan as conciencias.