Perseidas sempre en agosto

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

14 ago 2020 . Actualizado a las 09:02 h.

Ao chegarmos ao mes de agosto, nun deses ciclos que marcan, coa súa interminable cadencia, o paso do tempo, volven as Perseidas ou bágoas de San Lourenzo, como son coñecidas por moita xente.

É reconfortante a idea de que todo volve. Somos moitos os que gustamos das Perseidas, un acontecemento cósmico que ten lugar nese intre, máxico de seu, das noites de verán. No meu caso particular, isto entronca co aniversario da miña nai, que a piques estivo de chamarse Lourenza polo día en que naceu e por iso semella que as Perseidas veñan a iluminar a noite para ela e a lle acender no ceo a torta de aniversario.

Seica nesta ocasión o día óptimo para observalas será o 12 de agosto, hoxe mesmo, coincidindo coa fase minguante da lúa, que fará que se poidan admirar en todo o seu esplendor nun ceo máis escurecido.

Resulta estraño escoitar que este será un ano óptimo para algo, así que, xa que non temos festivais artísticos nin concertos nocturnos, nin orquestras que amenicen as festas e as romarías das nosas parroquias, non está mal que, na calma deste triste silencio obrigado, procuremos no ceo as Perseidas para cumprirmos co rito de pedirmos todos un desexo. Para os máis escépticos, sempre ficará a marabillosa beleza do espectáculo nocturno.

Mais semella que, logo de máis de 50 días sen chuvia en Lugo, con ceos despexados e unha calor intensa que nos trouxo seca e alto risco de incendios forestais, agora, coincidindo coa xornada de san Lourenzo, váisenos toldar o ceo de nubes. Está claro que este ano 2020 está a converterse nun reto para os inimigos de calquera tipo de superstición.

A min, este ano, as Perseidas fanme lembrar a todos os que marcharon, así que supoño que, arrolados pola narcótica fugacidade da vida, os demais debemos ficar felices de podermos seguir desexando feliz aniversario e agardando a que as Perseidas volvan un ano máis, cando teñamos dado outra volta e sigamos xirando, mentres nos sexa posible, enganchados a este caprichoso carrusel.