Os primeiros concertos das festas, con estritas normas sanitarias, non completan o aforo
05 oct 2020 . Actualizado a las 19:12 h.Pasan das nove da noite, chove miudiño e agradécese o abrigo. Na Horta do Seminario resoa a letra pegadiza dunha canción de Abba mentres nunha cadeira de plástico unha muller bambolea os brazos a un lado e a outro, seguindo o ritmo cos pes e coa mirada. Posiblemente tamén coa boca, pero a mascarilla obrigatoria non permite velo. Neste San Froilán pandémico os concertos desfrútanse a distancia e sen moverse do sitio. A nova e incómoda normalidade asolagou a festa máis grande do outono galego e obrigouna a reinventarse, así que este domingo os asistenes aos cinco primeiros concertos simultáneos da semana cultural tiveron que cumprir unha aséptica e milimetrada liturxia para poder desfrutar dunha noite musical.
Na antesala dos concertos, a escea repítese en cada un dos escenarios. Un membro do equipo de seguridade, armado cun termómetro electrónico, comproba a temperatura de cada asistente. Logo toca a visita ao correspondente dispensador de xel hidroalcohólico, e unha vez franqueado o acceso ao recinto, un acomodador encárgase de acompañar ao público a cada butaca. Os asentos están espallados a máis de metro e medio, algúns por parellas e outros de xeito individual, e non poden moverse, salvo que sexa para poñer a un neno a carón de seus pais. As normas están para cumplilas e os pasillos mantéñense de xeito estricto.
O equipo de seguridade vai acomodando as filas de diante para atrás e de esquerda a dereita. Unha vez sentado, o espectador xa non pode erguerse, salvo para abandoar o espectáculo Se o fai, xa non pode volver a entrar e a súa cadeira non se reutilizará.
Na praza de Augas Férreas faltan uns minutos para que as voces de Rosa Cedrón e Emilio Rúa comecen o seu recital no íntimo escenario, e das 150 cadeiras reservadas apenas a metade están ocupadas. «Estaban todas as entradas reservadas, pero moita xente non veu», explica un membro da organización. Esta falta de compromiso repítese no resto de concertos, onde os aforos apenas superan a metade. Quizais o da Horta do Seminario, onde Broken Peach debulla versións de exitazos de todos os tempos, é onde máis ambiente hai.
En previsión de que parte dos espectadores que reservaron as entradas gratuitas non acudisen finalmente aos concertos, o Concello decidiu no seu momento que se os aforos non estaban completos un cuarto de hora antes de que comezase a actuación, se deixaría pasar por orde de chegada a quen estivera agardando xunto ao recinto. En todos os escenarios se cumple a norma, e durante os primeiros minutos permiten entrar a quen o demanda. O temor a que se xerasen colas nas proximidades dos recintos non se cumpre, e en todo momento se respectan as distancias sanitarias.
Mentres Cedrón e Rúa entonan iso de «teño saudade», dende as escaleiras da Praza de Augas Férreas unha ducia de persoas mira cara o interior do recinto movendo lixeiramente as cadeiras. Algúns non acaban de entender como vai o das entradas. Ao mesmo tempo, na Horta do Seminario, un puñado de persoas busca acomodo no exterior da carpa para seguir o concerto. Como quedaban cadeiras baleiras, nos primeiros minutos de concerto a organización permitiu acceder ao recinto, pero no momento no que a primeira persoa saíu do espectáculo xa deron por pechado o acceso. «Non queremos que se rompa ese circuito sanitario en ningún momento», explican. Porque neste San Froilán, a saúde manda máis que a música.
Pero coma sempre, o que fai a lei fai a trampa e no exterior do recinto os que non puideron acceder buscan acomodo. Hai quen se sube ás bases que anclan a carpa, outros confórmanse con tararear dende a beirarrúa, e outros ollan dende unha rúa próxima. Non están a cuberto, pero desfrútano igualmente. Quizais incluso máis. Están de pé e poden bailar. Aínda que sexa a distancia do veciño e ao amparo dun paraugas.