Exposición Rexional de 1896, inicio do novo Lugo

adolfo de aBEL VILELA LUGO

LUGO

Celebración no ano 2000 dos 125 anos da chegada do tren a Lugo
Celebración no ano 2000 dos 125 anos da chegada do tren a Lugo OSCAR CELA

Dous mil expositores de toda España participaron na cita que marca a modernidade da cidade

06 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En medio «de las desdichas de la Patria», estábase a mandar soldados á guerra de Cuba, a recen fundada Cámara de Comercio (1893) acorda organizar unha Exposición Rexional para 1895, trasladada despois a 1896 para facela coincidir co II Congreso Eucarístico Nacional. Lugo foi pioneira neste tipo de acontecementos impulsados polo político Manuel Vázquez de Parga, conde de Pallares, primeiro coa Exposición Agrícola de Galicia en 1867 e dez anos despois, cando xa circulaba o tren entre A Coruña e Lugo, a Exposición Agrícola Rexional, á que seguiu a Exposición de Gandos e de Produtos Agrícolas e Industriais de 1891. 

O inicio da contemporaneidade

Pódese dicir sen ningunha dúbida que o ano 1896 é o que marca o comezo da contemporaneidade de Lugo como cidade que se proxectou cara ao exterior, e o inicio do que hoxe coñecemos como turismo de masas, co desexo de estar á altura das demais capitais de provincia, aínda que o seu decidido impulso darallo no primeiro terzo do século XX, o alcalde Ángel López Pérez, nos seus diferentes mandatos entre 1909 e 1931, desenvolvendo proxectos que se viñan arrastrando desde finais do século XIX debido a uns gobernos municipais pobres en recursos e en ideas, e consecuentemente ineficientes, como o ensanche do Cantón, o Campo da Feira, o subministro da auga e o hospital municipal.

Os dous grandes acontecementos para a época foron o II Congreso Eucarístico Nacional, do 26 ao 30 de agosto, ao que acudiron máis de 4.000 persoas de toda España (...). O outro foi a Exposición Rexional. Nos cen anos seguintes soamente houbo dous eventos culturais cos que se lle podía comparar, tanto en proxección da cidade como en actividades lúdicas: a conmemoración do Bimilenario en 1975 e as do 2000 para a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Pero quizais foi máis importante o conseguido en 1896, cunha situación de penuria económica do Concello, que incapaz de facer un novo teatro levantouno en seis meses a iniciativa privada, o Teatro-Circo, que daría paso ao desaparecido Gran Teatro, escenario dos Xogos Florais, Concursos Musicais e do Congreso Gandeiro.

Recollíanse así os froitos do novo réxime establecido a partir do reinado de Isabel II que deu lugar a unha elite culta, na súa maioría funcionarios, de profesións liberais e comerciantes, que creou unha clase burguesa moi curiosa, que se puxeron á fronte das distintas comisións e xurados tanto da Exposición Rexional, como da Exposición e Concurso de Gandos, e dos certames convocados, Musical, de Orfeóns, de Piano e os Xogos Florais.

Tamén se celebrou un Congreso Agrícola e Gandeiro que contou con asistentes de varias provincias e houbo un pavillón específico para as Belas Artes, onde presentaron pintura e escultura non só artistas galegos senón tamén os doutras partes.

Precisamente La Voz de Galicia, facíase eco do empeño que puxeron estas persoas para levar a feliz termo os esforzos da Comisión organizadora: «En medio de las desdichas de la patria, así fue como dentro de ella, confortan el ánimo y hacen abrir el pecho a la esperanza de próximas y grandes rehabilitaciones, las gallardas muestras de adelanto y vitalidad dadas, especialmente por las industrias regionales, con motivo de la Exposición, y la Exposición misma, afortunadísima obra del esfuerzo y de la perseverancia de unos pocos».

A actividade comercial despois da chegada do tren en 1875, tivo o seu auxe en Lugo a partir do último cuarto do século XIX, promovido por xentes foráneas. O aumento da poboación e a conformación dunha burguesía urbana, que demanda un tipo de servizos públicos, mercancías e produtos diferentes aos que compraban os labradores das parroquias próximas, contribuíu á modernización do comercio local e ao seu desenvolvemento.

Algúns destes comerciantes e pequenos industriais van ser elementos destacados desa burguesía, que van a impulsar e financiar actividades de interese socio recreativo e de servizo público, como a petición da Porta da Estación (1873); de tipo cultural, como a construción do Círculo de las Artes (1895) e do Teatro Circo (1896), ou de interese industrial, como a constitución da Sociedad Eléctrica Lucense (1898).

Preparativos no claustro da Catedral para o Congreso Eucarístico de 1896 en Lugo
Preparativos no claustro da Catedral para o Congreso Eucarístico de 1896 en Lugo ARCHIVO PEPE ALVAEZ

Así, a partir de 1860 aparecen os escaparates, chamados naquel momento vitrinas ou aparadores, síntoma de que o refrán que dicía «El buen paño en el arca se vende», quedara obsoleto para esta nova sociedade, por unha banda curiosa, e por outra formada grazas aos avances na implantación da educación pública, e informada a través da prensa e as revistas de moda, que en láminas coloreadas a man mostraban as tendencias no vestir feminino marcadas por París, capital europea das vangardas. Quen nos ía dicir que cen anos despois o ían decidir en Arteixo. La Moda de París foi o nome que tomou unha das tendas máis coñecidas da cidade. 

Precedentes da Exposición

A iniciativa das exposicións que se viñeron facendo en Galicia a finais do XIX, emulando a escala rexional ás que se facían coa denominación de Universais, débese ao conde de Pallares, que tivo de precedente a Exposición Agrícola de Galicia de 1867, celebrada en Lugo coincidindo coa feira anual de San Froilán. O convento de Santo Domingo foi a sé da Exposición que estivo aberta do 5 ao 13 de outubro. Dez anos despois ten lugar a I Exposición Rexional que se comezou a preparar por unha comisión en 1876 como Exposición Agrícola Rexional. (...)

Dicíase que a provincia de Lugo, modesta nas súas aspiracións, pero nunca indiferente a canto tendese ao fomento dos seus intereses morais, intelectuais e materiais, acordara celebrar unha Exposición Rexional, agrícola, industrial e artística que tería lugar do 4 ao 14 de outubro de 1877. Invitaron a participar ás outras tres provincias galegas, e por razóns de veciñanza ás de Asturias e León, como se fixo na de 1896.

Este tipo de certames «respondían a una necesidad de la edad presente, pero esta necesidade era dobremente maior ao referirse a Galicia cuyo país, por causas que no son de este momento, ni es debidamente apreciado por los extraños, ni bien conocido de propios.» A Exposición Lucense, era un anticipo dos cambios que se aveciñaban nos últimos vintecinco anos do século, como a chegada do tren e da electricidade, e que segundo palabras dos organizadores, perseguía conseguir os seguintes obxectivos: «A tratarnos más, conocernos mejor, apreciar los elementos de vida conque nos favorecen suelo y cielo, estudiar y plantear los cambios que en la Agricultura, en la Industria y en el Comercio nos aconsejan las circunstancias, y, en una palabra, a prepararnos convenientemente para entrar más de lleno en el concierto de los demás pueblos el día en que la vía férrea nos ponga con ellos en mayor comunicación, deben dirigirse los esfuerzos de todos».

A primeira locomotora chegou da Coruña a Lugo o 5 de outubro de 1875, pero aínda lle quedaban oito anos para que se inaugurase na súa totalidade a liña Palencia-A Coruña, o 1 de setembro de 1883 coa viaxe de Afonso XII e María Cristina desde Madrid á Coruña. A Exposición de 1896 montouse no Palacio da Deputación, no mesmo lugar que a de 1977, que contaba con 480 metros lineais de galerías, pechadas con cristais, e moitas e espazosas salas. Foron chamadas as provincias da Coruña, León, Lugo, Ourense, Oviedo e Pontevedra, e invitadas as demais de España, acudindo ao certame uns dous mil expositores, que presentaron máis de oito mil obxectos.

O programa do Congreso Eucarístico e da Exposición Rexional incluía os de San Froilán. Os carteis anunciadores fixéronse en Valencia. Como xa había enerxía eléctrica as iluminacións na rúa da Raíña e na Praza da Constitución, xa non eran a la veneciana con faroliños de aceite ou parafina, senón con buxías. Houbo boas sesións de fogos de a cargo dos pirotécnicos de Palencia Hijos de Alonso, chamando a atención os acuáticos que se fixeron no Miño e onde estivera o teatro, hoxe Mercado de Quiroga Ballesteros, inaugurouse o 9 de setembro o frontón Eder-Jai para que os rapaces burgueses, que xa andaban en bicicleta, practicaran o xogo da pelota. A Lugo xa chegaran os tempos modernos.

As primeiras festas contemporáneas

A decadencia das feiras ao longo do século XIX era evidente, ata o punto de que a orixe das festas contemporáneas de San Froilán está no feito de que o Concello decidiu por unha banda organizar festexos como un reclamo para os forasteiros, e por outra facer concursos de gandos e de produtos agrícolas, con dous obxectivos, para estimular a concorrencia dos gandeiros e agricultores e mellorar as súas producións. O Concello e a Deputación

comezaron aportando cantidades para os premios, e cando era suficiente a influencia política en Madrid, solicitábase unha subvención ao ministerio de Fomento (...) Coa venda dos animais os labregos dispoñían de cartos para mercar no comercio local, sendo por tanto a feira, en boa parte, o motor económico da cidade.

A iniciativa de facer festas paralelamente ás feiras co fin de estimular a asistencia, tivo a súa orixe na petición que acordou facer o Concello o 6 de xaneiro de 1866, «debido a la poca concurrencia que se nota hace años a la feria de San Froilán» (...).

Nos primeiros 25 anos da segunda metade do século XIX, organízanse ocasionalmente algúns actos, pero é a partir de 1875 con motivo da chegada oficial do primeiro tren á cidade, e definitivamente desde 1877 ao celebrarse a I Exposición Rexional, é cando se vai a elaborar un Programa de festexos, cun esquema moi sinxelo e de pouco custo que se vai a manter practicamente invariable durante anos.

(Introdución do número 17 do San Froilán dos Devanceiros: «Exposición Rexional de 1896», de Adolfo de Abel Vilela, que se presenta este venres ás 20.30 horas no Vello Cárcere).