Conchita Paz Montenegro, Concetta

José Estévez ESCRITOR

LUGO

Conchita Montenegro, artista e poeta
Conchita Montenegro, artista e poeta ÓSCAR CELA

O escritor José Estévez analiza o último poemario da artista e poeta lucense

18 dic 2020 . Actualizado a las 18:06 h.

Conchita Paz Montenegro regresa ao mundo da publicación cun novo libro de poemas, Ano MMXX aínda que, para eu non faltar á verdade, debo dicir que Conchita nunca se foi do verso porque Conchita e a poesía conviven intimamente día a día pois para a poeta o verso é tan esencial como o respirar para os seres vivos.E regresa desatada en palabras, singularizada no seu estilo de poeta de alta velocidade.

Sube a mente, sube a mente / Por escarpados silencios / De montañas novas, serras / Que fincan furiosos dentes, 

Conchita, Concetta, é un torrente creativo, unha fonte fresca de arte, artista da palabra hospitalaria e do pincel lúcido, en diálogo permanente co seu onte e en continua vixilia para proxectar o seu mañá e sen perder en ningún momento pé como poeta consciente da levidade do ser, levidade que para a nosa cantora e a diferencia do novelista checo Milan Kundera, é unha levidade soportable, se ben

Hoxe teño a mente / Moi ben artellada./ Teño tantas cousas…/ E non teño nada…!

A súa poesía é de intenso lirismo pois fala desde as emocións e a súa mente, que nunca cansa, evoca desde o asombro a aventura de vivir e dese xeito ofrécenos aos seus lectores acubillo para descansar a nosa vista cansada, esa vista cansada que tan ben poetiza o granadino Luis García Montero.

Entréganos Conchita, poeta de experimentado oficio literario, con xenerosa delicadeza e amabilidade e despois dunha proveitosa e dilatada vida dedicada ao estudo e á docencia, versos para tomar

A casa ateigada / De risos e pan,/ Manteiga dourada,/ Corpos de mazás,

O inusual don poético da autora, de especial vibración, non se limita a habilidades formais senón que alcanza territorios de especial encanto, abarcando múltiples e variados temas (a paz, o livián, a avoa, o zoqueiro, o gateiro, o fado, mareas vivas…) imposibles de abarcar e analizar nun prólogo que non ten ese obxectivo porque cuestións como o métrica etc non son as máis aconsellables para estudo cando quen as aborda non é un experto, como é o meu caso..

A poesía de Conchita Paz Montenegro aséntase no firme cimento da experiencia vital colectiva e particular e tece, pois, elementos simbólicos da PAZ (harmonías…) con elementos simbólicos do monte NEGRO (o mal, a dor: O corpo adoece feito farrapos.)

Na súa traxectoria poética a autora acada unha voz propia desde a experiencia persoal pero tamén desde a tradición, culta e popular. Esta sinfonía de versos que nacen flores no berce da poeta é un espectáculo visual e textual moi atractivo e alimenta a alegría de vivir de todos os que temos a sorte de poder bicar o aroma desa fonte de auga clara. A súa beleza asolaga de fecilicidade o corazón do lector.

E para terminar esta pequena aportación, non podo deixar de resaltar, unha vez máis, o fondo estético e humano dos poemas e de convidar a que non dubides en paladear sen présas os versos da poeta, versos que celebran a maxia da poesía como emoción íntima, sen artificios formais ao servizo do lucimento, versos que son como unha reunión de seres queridos que non perden a mocidade e a ilusión en tempos estraños como os destes días, de confinamento dos significados, de esquecemento das sonoridades brillantes e acariciadoras, que tan ben definen aos poemas da nosa amiga poeta..

Ano da peste, 2020 / A peste Negra? / NON! / A peste de hoxe / Non ten color./ Non chama á porta. / Non bota pus. / A peste de hoxe, /  Limpa e serea/ É xusticieira./ Afoga, afoga,