
A Deputación, o Concello de Guitiriz e a empresa que executa as obras da residencia aumentan as medidas para evitar danos
22 ene 2021 . Actualizado a las 17:15 h.A Deputación de Lugo, en base ás avaliacións e os informes dos técnicos provinciais e da empresa adxudicataria das obras da residencia de Guitiriz, acordou reforzar a seguridade estrutural da Casa da Botica. O derrubamento parcial do alzado dereito da fachada principal ocorrido o 10 de xaneiro e a caída da medianeira sufrida nas últimas horas, producidos en ambos casos tras temporais de chuvia e vento, debilitou as paredes do inmoble, o que fai necesario, segundo as indicacións dos técnicos, novas medidas de reforzo estrutural. Onte ampliouse a zona de seguridade e reforzouse o acordonamento da contorna do edificio, e a dirección de obra determinou a necesidade de derrubar a primeira e a segunda planta do inmoble para garantir a súa seguridade estrutural. Logo reconstruirase.

Pola súa parte, desde o Concello sinalaron que desde primeira hora cortaron parte de beirarrúa afectada e habilitouse un paso seguro para que os viandantes puidesen transitar sen perigo algún. Á súa vez, desde o grupo de goberno estase a manter contacto permanente tanto coa Deputación, como cos técnicos que están a traballar nas reparacións, co obxectivo de axilizar e ofrecer calquera tipo de axuda posible.