Ruta polas aldeas e soutos dos Ancares: «Se desaparece este ecosistema, cae o mundo»

María Guntín
María Guntín OS ANCARES / LA VOZ

LUGO

As montañas nevadas conforman unha paisaxe de película nos Ancares
As montañas nevadas conforman unha paisaxe de película nos Ancares Carlos Castro

Nalgunhas zonas quedan pallozas, pero co teito cuberto de chapa ou desfeitas

20 feb 2021 . Actualizado a las 21:12 h.

Montañas, prados e soutos tinguidos de branco. Son hábitats naturais que conforman unha paisaxe espectacular, un paseo de séculos pola cultura e vida dos Ancares. «Seguro que o oso pardo anda por aquí», di David López, un enxeñeiro forestal que naceu en Barcelona e vive en San Román de Cervantes. El é o encargado de dirixir unha ruta que permite entender un pouco mellor o tesouro que conserva unha comarca que se desangra pola caída demográfica que sofre dende hai anos. «Os soutos aquí son moi difíciles de manter pola pendente que teñen, non se poden mecanizar. Os prados están conectados entre si por regos e mantéñense grazas ao esforzo das poucas persoas que aquí viven», conta o enxeñeiro. A máis de mil metros de altitude, dende a parroquia de Borzoado (Cervantes), David explica que o difícil acceso dalgunhas terras é ao mesmo tempo, a súa salvación: «Non se volven sementar, o que permite que só haxa sementes autóctonas e, polo tanto, unha maior diversidade».

Os montes, prados e leiras gardan un gran patrimonio inmaterial. «Se desaparece este ecosistema, cae o mundo», di este enxeñeiro de camiño a Xantes, unha aldea que pertence a San Fiz de Donís na que tan só vive un matrimonio co seu fillo. Eles son os propietarios dun caneiro espectacular, un sistema para mover unha serra e tallar madeira empregando auga. Ademais, teñen un castiñeiro que, nos mellores anos, da mil kilos de castañas, «pero este ano non houbo, cando ás árbores morren, que faremos os habitantes?», din os donos desta paraxe.

Neste lugar hai tamén unha ponte románica descoñecida e un antigo castro sen escavar. En Xantes, Laura, de 70 anos, é a muller da casa. Ás portas do seu fogar e á pregunta de como leva o inverno, ela non dubida en contestar: «Depende de como o mires. Si, ser é duro, pero temos que estar previdos». Nesta casa dedícanse á gandaría e á recollida de castañas. O río pasa aos pés da construción, pero este ano, coas colleitas pasou como coas castañas: non é ano delas. Estes pequenos núcleos, lembra David López, son mostra dunha economía de autosuficiencia que, aínda que agora é menos frecuente, foi a base da vida nos Ancares.

Laura, última habitante de Xantes
Laura, última habitante de Xantes Carlos Castro

Aos pés da igrexa de Donís, no corazón da Serra de Ancares, David lembra que é unha das parroquias máis grandes de todo o concello. Nesta mesma aldea, nu lugar que se coñece como A Campa de Barreiro, apareceu o primeiro petróglifo prehistórico da comarca. Donís ten moito de especial: a finais do século XIX, os que aquí vivían proclamaron a República Independente de Donís xa que a xente que aquí residía, cansa de pagar impostos, agardou a chegada do recadador e fíxoo prisioneiro. Deseguido, proclamáronse libres e independentes. Pouco durou o tema, xa que só uns días despois a Garda Civil puxo fin á rebelión.

Nesta montaña, os regatos baixan entre a neve e rematan vertendo o seu caudal no río Ser, que a súa vez desemboca no Navia. Pola contra, salta á vista que as pólas das árbores racharon polo peso da neve. «O calor do outono fai que a árbore non desprenda folla, polo que ante as nevadas, as pólas rachan», explica López. É dicir, o problema non é a neve, é a calor que a precede, xa que a temperatura sobe ano tras ano.

Dende o alto

Na parroquia de Vilarello, a 1.048 metros de altitude, só quedan tres casas habitadas. O matrimonio que reside nunha delas é o encargado de manter o Souto das Cabaniñas, que está nun lugar que en tempos tivo o maior teleférico de transporte de madeira de toda Europa. En Vilarello aínda quedan pallozas, pero teitadas con chapa. Desta aldea parte unha ruta que ascende ata o val do río Ortegal e que permite chegar ata un dos bosques de frondosas autóctonas máis valiosos de toda a comarca. Deseguido, é posible percorrer algunhas das aldeas que conforman a parroquia: dende Brañas de Vilarello pódese divisar o corno maldito, ao cal é posible ascender.

David López xunto cun veciño de Vilarello
David López xunto cun veciño de Vilarello Carlos Castro

Nas cumes ancaresas, o frío goberna e o coronavirus escapa da vida durante unhas horas e deixa paso a unha paisaxe que paga a pena recordar.