
O escritor e ensaísta publica «O abecedario no país das alvarizas»
02 may 2021 . Actualizado a las 18:30 h.Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) mergúllase nun novo escenario literario, o da poesía. Logo dunha prolixa traxectoria como ensaísta e estudoso de diversos aspectos e persoeiros da literatura galega e española, ou das súas incursións na narrativa, incluída a primeira novela pornográfica escrita en galego, acaba de saír ao prelo o seu primeiro poemario: «O Abecedario no país das alvarizas», editado por Medulia.
Como se sinala nas lapelas do interior do libro «recóllese un volume de textos onde en dúas seccións, seguindo as letras e os dígrafos do abecedario, a voz poética do lugués retrata un espazo con vocación de apertura mais amurado polas teas que cinxen unha alvariza. Dentro deste edén derruído semella seguir a se ouvir o voo das abellas que, segundo as pautas da calor sinfónica do pasado , quer vir por se tatuar na alma de hoxe, embora retratando o cerimonial dunha morte realmente nunca acadada mais cantada a través do ritual».
O propio Pardo de Neyra, profesor na Universidade da Coruña, expresa á perfección coa expresión de que os versos saíronlle «do fígado da lírica» o motivo polo que publica un poemario que sae de dentro do autor para conmover ao público de igual maneira: «Porque a poesía, como plasticamente dixo meu caro e admirado amigo Paulo Terra Nosolhos, non é boa ou má. Chega ou non chega. Aos adentros. Ergo gustaría de saber se o conseguín».