Pardo Bazán e as Letras Galegas centran a programación da Biblioteca de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Raquel Queizás ofrecerá o día 21 o espectáculo de narración oral «Arredor de Xela»
Raquel Queizás ofrecerá o día 21 o espectáculo de narración oral «Arredor de Xela» E CUIÑA

Este mes haberá contacontos, conferencias e exposicións

03 may 2021 . Actualizado a las 11:31 h.

A Biblioteca Provincial centra a programación de maio en dúas importantes efemérides: o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xela Arias. Haberá conferencias, mostras e contacontos, e a información sobre as actividades está dispoñible na web do centro.

O día 12 ás 18.00 horas terá lugar o faladoiro Emilia Pardo Bazán, unha mente poderosa, a cargo da escritora María Canosa, para público infantil, a partir de 8 anos, e adulto. En torno a esta figura instalarase tamén a exposición Emilia Pardo Bazán, unha muller adiantada ao seu tempo. A mostra recolle, por unha banda, as obras da autora do fondo patrimonial do centro, publicadas antes do 1958, e, por outra, as novas edicións dos seus volumes, así como títulos que estudan a súa vida e a obra literaria e xornalística, ademais do coñecido epistolario cuxo destinatario era Benito Pérez Galdós.

A celebración das Letras arranca coa mostra Le na túa lingua, con volumes en galego de todo tipo e para todas as idades. O día 21, Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo de narración oral Arredor de Xela. Será ás 18.00, para nenos de 4 a 12 anos. E convocaron o XXVII Certame de narración e debuxo Letras Galegas, cuxo prazo remata o 7.

Tamén haberá contacontos ás 18.00 os venres 7, con A viaxe do paporrubio, a cargo de Sara Cruz; o 14, con Marosa e Mariña camiñan a Compostela, de Iago López; e o 28, con Maxiart, de David Méndez.

A programación complétase con diversas mostras, como Camiño de Santiago, Coida o teu xardín ou Galicia cine. E o público infantil disporá dunha selección de álbums e contos coas nais como protagonistas.