O Vello Cárcere acolleu o acto «Nós e Vicente Risco. 100 anos de pensamento», que serviu como presentación das novas edicións da Biblioteca Nós
08 may 2021 . Actualizado a las 11:10 h.«É bo que a xente saiba que Nós é máis ca un nome, foi un proxecto colectivo grazas ao cal a lingua e a cultura de Galicia dialogaron coas outras culturas de Europa e do mundo». Quen así se expresa é Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco, que o venres 6 participou no Vello Cárcere de Lugo no acto Nós e Vicente Risco. 100 anos de pensamento, organizado pola Asociación Cultural Ateneo Galeguista de Lugo, coa colaboración da Editorial Galaxia e da propia Fundación Vicente Risco.
O acto serviu como presentación das novas edicións que lanzou Galaxia, coa Biblioteca Nós, con motivo do centenario da saída do prelo do primeiro número da revista Nós, como homenaxe aos seus artífices. Trátase dunha escolma dunha decena de obras de autores como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte ou Castelao.
No acto de Lugo fíxose especial fincapé no legado de Vicente Risco, un dos autores clave da revista Nós. Del constan tres títulos na nova colección de Galaxia, que dan boa conta da traxectoria deste autor: Teoría do nacionalismo galego, un dos textos políticos máis influentes e relevantes da Galicia do século XX, e Leria, unha colección de ensaios e colaboracións para a prensa vencellados á súa xeración, ambos de Vicente Risco. Tamén se inclúe a biografía que escribiu Carlos Casares, Vicente Risco, sobre a figura do senlleiro director da revista Nós. «Casares aporta unha interesante visión desde o seu coñecemento no trato durante os seus anos de estudante de bacharelato, presentando un Risco na súa dimensión máis humana», explican desde Galaxia.
Animar á xente á lectura
Para Celia Pereira, un dos principais atractivos destas novas edicións é que animarán á xente á lectura e ao coñecemento destes autores: «Estas obras é necesario dalas a coñecer de novo ao público actual, pero tamén contextualizalas, xa que pasaron cen anos. Pode haber xente que sexa reticente a lelas porque lles parezan moi densas ou áridas, pero nestas edicións danse elementos clave para facer a lectura máis amena e contextualizala. Animo á xente a perderlles o medo, a que lean directamente estas obras, que ademais son curtas, non son nada aburridas e paga moito a pena».
Ademais, o seu pensamento segue moi de actualidade: «Risco tivo un pensamento bastante fondo, e aínda que o contexto mudou, pois agora temos autonomías, un estado democrático... hai reflexións sobre como somos nós como pobo ou a que debemos aspirar, por exemplo, que seguen de actualidade», continúa Pereira.
No acto de presentación de onte interviñeron, ademais de Celia Pereira; Xulián Parta Rodríguez, da Editorial Galaxia; Serxio María Rodríguez Álvarez, que fixo a introdución á Teoría do nacionalismo galego; Patricia Arias Cachero, que escolleu os textos de Leria; e Hakan Casares Berg, fillo de Casares, que falou da biografía de Vicente Risco de Carlos Casares.
Títulos da colección
A escolma recollida por Galaxia inclúe, ademais dos tres títulos de Vicente Risco, tres reedicións de Ramón Otero Pedrayo: Polos vieiros da saudade, obra na que relata a súa viaxe a América e o reencontro co seu amigo Castelao; Entre a vendima e a castañeira, libro de contos onde predomina a narración de sucesos relacionados co mundo do sobrenatural; e O Señorito da Reboraina, considerada unha das obras mestras da cultura galega.
Por outra banda, catalogada por Xoaquín Lorenzo como a semente da xeración Nós, a obra O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929, céntrase na figura de Antón Losada Diéguez. Neste libro ofrécese unha rigorosa selección de 51 escritos do intelectual, da man do historiador Justo Beramendi.
Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte, é tamén unha escolma de artigos que nos achegan a unha das figuras máis senlleiras do xornalismo galego.
A antoloxía poética Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, é unha das obras que forman parte desta colección que rende homenaxe á xeración. A través dela, en 1941, Cabanillas inaugurou o camiño de Editorial Galaxia.
Por último, Diario 1921, de Castelao, é outra das obras enxalzan a colección. Personalísima, un mozo Castelao comparte nestas páxinas a súa visión do mundo, a paixón polas viaxes e o seu descubrimento de Europa. Un libro único que ofrece a mirada dun tempo pasado, con ollos de galego, ao que poderemos conectar para sempre.