Os museos da Rede Museística de Lugo como centros de memoria

LUGO

Artistas e colectivos lucenses no Thyssen no 2017 cando presentaron «Espazo da memoria».
Artistas e colectivos lucenses no Thyssen no 2017 cando presentaron «Espazo da memoria». CEDIDAS

O Día Internacional do Museos, o 18 de maio, serve para lanzar proxectos sobre o pasado, o presente e o futuro

15 may 2021 . Actualizado a las 11:43 h.

A Rede Museística Provincial, dependente da Deputación de Lugo, cumpre o vindeiro mes 15 anos. Desde os seus inicios apostou por unha programación que sempre tivo como obxectivo primordial e como eixe principal ás persoas.

Pero tamén os catro museos (Provincial, Pazo de Tor, San Paio de Narla e Museo do Mar) ademais de adaptarse ás peculiaridades da súa contorna e do seu propio discurso expositivo, serviron como centros de memoria colectiva, espazos sobre a historia non contada, museos para reflexionar sobre o noso pasado e buscar fórmulas de convivencia de cara ao futuro. E quizais, o máis importante, leváronse a cabo centos de actividades e exposicións contando sempre coa comunidade, xa sexa a artística como a social e educativa, tecendo unha rede que transcendeu o meramente cultural. 

Catro proxectos

Precisamente sobre estas ideas baséanse este ano as actividades que a Rede Museística -que dirixe Encarna Lago, e que depende de Vicepresidenta da Deputación, que dirixe Maite Ferreiro- promoveron con motivo do Día Internacional dos Museos, baixo o lema: «O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar». Onte sábado arrincaron en San Paio de Narla coa presentación de catro proxectos que poñen en práctica o lema deste Día Internacional dos Museos como liña de xestión da Rede Museística Provincial nestes 15 anos de traxectoria.

Por un lado o denominado «Arquitecturas de memoria». Desde Friol, ofrécese a recollida de testemuñas orais e en primeira persoa das vivencias dos lucenses, en especial os colectivos rurais, coa fin de subliñar o valor do noso patrimonio cultural e a súa raizame no territorio. 

As artistas

Tamén arrincaron as xornadas «Á maneira de recuperar e reimaxinar», no que desenvolveranse obradoiros da man de creadoras contemporáneos que foron tecendo a rede cultural, artística e social nos 15 anos de historia da Rede Museística Provincial.

Desde maio ata outubro desenvolveranse diferentes propostas relacionadas con técnicas diversas que ofrecen outras maneiras de contar: Ilustración, estampados, bordado, traballo co papel, debuxo e escultura ademais dun relatorio sobre as mulleres artistas na historia da arte. Contan coa participación de Iria Fafián, Iria do Castelo, Rebeca Lar, Bibí Martí e Virginia Rivas.

Outro proxecto en marcha foi a presentación e estrea do capítulo cero da web-serie «Ronsel de Futuro», de Producións Señor López.

E o cuarto proxecto é o de «Recuperar onde vivimos, reimaxinar onde viviremos». Trátase dunha actividade aberta á participación onde se traballará ao redor de tres datas do pasado, do presente e do futuro: o nacemento da Rede Museística no 2006, o vindeiro 18 de maio como Día Internacional dos Museos, e a vista posta na consecucións dos Obxectivos da Axenda 2030. 

As imaxe do pasado

Así, dende o 18 de maio ata o 18 de decembro, Día Internacional das Migracións, recollerán imaxes do pasado relacionadas cos lugares que habitamos: prazas, edificios, tendas, paisaxes polas que descorría o cotiá que queremos recuperar. Para completar esta actividade piden ás persoas que queiran participar que respondan con imaxinación «a como pensades que serán e como viviremos estes espazos cando chegue ese ano 2030. O formato é libre poden ser achegas multimedia, textos, composicións, colaxes, etc». 

Sementando Galego

Tamén en San Paio, hoxe ás seis, e con inscricións previas en comunidadermpl@gmail.com, presentarase unha experiencia educativa e reflexiva para mirar ao pasado a través daquelas palabras que suxiren outros momentos e dirixir a vista cara ao presente con aquelas outras que importa conservar. Sementar o futuro coas verbas que nos acompañaron no pasado.

«Esta convocatoria está dirixida, tecendo redes coa comunidade, a todos os públicos que poderán participar de forma individual e colectiva, como familias, colexios ou grupos, traballando en todo caso unha reflexión previa relacionada co recuperar e o reimaxinar a nosa lingua, o que, en definitiva, queremos que sexa o que marque este Día dos Museos», sinalan desde a Rede. Esta mesma cita repetirase o día 18 no Pazo de Tor, ás dúas da tarde.

 18 de maio

O Día Internacional do Museo haberá varias actividades en marcha. Arrincará cunha xornada palaciana: pasado, presente e futuro da vida dos pazos galegos. Os casos de Tor e Meirás. Será de 10.00 a 14.00 horas do Museo Pazo de Tor, con inscricións previas no correo comunidadermpl@gmail.com, e aforo para 15 persoas.

Construirase un novo espazo de reflexión patrimonial e cultural cunha mirada múltiple da que participarán especialistas e testemuñas directas do mundo palaciano. Abordarase tanto a dimensión histórica e cultural dos pazos, coma os aspectos patrimoniais, museolóxicos e sociais que lles concirnen.

Xa no Museo Provincial, de 17.00 a 20.00 horas, haberá un obradoiro de ilustración con Iria Fafián con versión en liña. É preciso inscrición en comunidadermpl@gmail.com, cun aforo de 10 nenos de 8 a 12 anos acompañados dunha persoa adulta.

Está destinado a familias, orientado a estimular a creatividade e a colaboración a través dun exercicio sinxelo e divertido en torno ao deseño de personaxes. A intención é dar unhas ferramentas de creación que se poidan utilizar a modo de xogo. Ademais, as persoas interesadas sen praza presencial poderán seguir este obradoiro vía «streaming» solicitando o enlace no mesmo correo electrónico.

O 18 de maio (11.00 horas) haberá no Museo Provincial unha visita sensorial de persoas da ONCE Galicia, titulada «Imaxinando ás escuras»..

Outra actividade desta xornada será «Recuperando e reimaxinando proxectos de xénero na Rede Museística», que se celebrará no Museo Provincial de Lugo ás 20.00 horas. É mester a inscrición en comunidadermpl@gmail.com, cun aforo de 15 persoas.

«Eu..., ti..., elas..., nosoutras, nosoutrxs... en rede é un proxecto artístico de diversidade e igualdade. Presentamos así co fío de recuperar a nosa memoria, e que sirva para reimaxinar un mundo máis xusto, o catálogo que dá visibilidade ás propostas colaborativas desenvoltas neste tempo de singradura comezado en 2018», explican desde a Rede Museística. Completarán a actividade coa presentación da unidade educativa dedicada á igualdade de xénero destinada á comunidade escolar e ás familias.

E a festa dos museos rematará cun concerto de Carmen Penín, no Museo Provincial, ás 20.30 horas, e limitado a 15 persoas, con inscrición: comunidadermpl@gmail.com.