
O acto de homenaxe polas Letras Galegas será este sábado no Parque Rosalía de Castro
26 may 2021 . Actualizado a las 11:36 h.Sábado 29 • 13.00 horas • Parque Rosalía de Castro (Lugo) •
O concerto de homenaxe a Xela Arias que tiña previsto celebrar o Concello o pasado día 15, e que tivo que adiarse polo mal tempo, celebrarase finalmente este sábado, día 29, ás 13.00 no Parque de Rosalía. No acto, o músico sarrián Eloi Caldeiro, líder dos históricos Brath, presentará o seu novo disco, O equilibrio dos tigres, no que musica dez poemas de Xela Arias. Entre tema e tema, unha muller lerá a poesía que a continuación se interpretará musicalmente.
Eloi Caldeiro, que coñeceu persoalmente a Xela, explicou a La Voz de Galicia que á autora homenaxeada nas Letras Galegas gustáballe moito o rock, de aí que el optase por ese xénero para musicar os poemas: «Eu quería que se vise esa Xela roqueira e canalla». Caldeiro destaca tamén que a linguaxe que emprega Xela é actual, malia ser escrita nos noventa, e conecta perfectamente coa xente nova de hoxe en día.
