A Deputación patrocina la Vuelta ao seu paso pola provincia de Lugo

LA VOZ LUGO

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O ente provincial destinará 60.000 euros a colaborar cos concellos

12 jun 2021 . Actualizado a las 13:27 h.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do director de La Vuelta, Javier Guillén, mantivo onte un encontro organizado pola institución provincial cos alcaldes e representantes municipais dos 12 concellos lucenses polos que discorrerá o día 3 de setembro a etapa 19ª da cita deportiva. Tomé informou da colaboración por importe de 60.000 euros que fai a entidade e do impacto en termos económicos e de promoción que terá para a provincia.

O Presidente subliñou que o obxectivo que motivou á Deputación para colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia foi colaborar cos concellos da provincia «para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico», neste caso, coa promoción do territorio a través do turismo.

Apostar por La Vuelta a España, destacou José Tomé, «supón un investimento en proxección internacional e en promoción turística dun valor, literalmente incalculable. Situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras, esta cita é seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países. Os 60.000 euros que aporta a Deputación xeran así un grao de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo».

«Para unha provincia como Lugo, que acolle catro rutas diferentes do Camiño de Santiago; que conta con tres Reservas da Biosfera e con seis Patrimonios da Humanidade, aos que aspira incorporarse a Ribeira Sacra; e que entrou na Ruta Transrománica do Consello de Europa estar presente nun acontecemento como La Vuelta resulta fundamental», asegurou o Presidente, quen afirmou que estar presente nesta proba «é unha das mellores formas de levar ó plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade neste escenario de saída da pandemia».

Ademais do retorno que xera a medio prazo, en termos de turismo, José Tomé lembrou que a organización dunha proba complexa como é La Vuelta, mobiliza a unhas 3.000 persoas, «o que contribúe, de xeito directo, a reactivar a actividade en sectores tan castigados pola crise como a hostalería, o turismo ou o comercio local».