Díaz Castro, de poeta a profeta

X.M.PALACIOS

LUGO

A presenza do autor de «Nimbos» mantense na terra na que naceu e á que volveu na vellez

08 dic 2023 . Actualizado a las 20:48 h.

«Poeta ou non, eu cantarei as cousas/ que na soleira de min mesmo agardan./ Alumarei con fachas de palabras,/ ancho herdo meu,/ o mundo que me deron». O poema Coma brasas é un dos primeiros de Nimbos e ten conseguido un significado que vai máis aló do literario. Nimbos é o único libro que publicou en vida Xosé María Díaz Castro (1914-1990), cuxa relación con Guitiriz segue firme malia o paso dos anos.

O escritor naceu no barrio do Vilariño, pertencente á parroquia dos Vilares. A súa estadía no Seminario de Mondoñedo foi o primeiro chanzo dunha traxectoria que o levou por distintos lugares de España, pero non se rompeu o fío que o unía ao lugar de orixe. Díaz Castro, que traballou como tradutor e viviu en Madrid, pasou en Guitiriz os derradeiros anos da súa vida e foi enterrado no cemiterio da vila. Que acudise ao festival de Pardiñas, que sentase nos bancos do campo da feira e que tivese una boa amizade con Alfonso Blanco, fundador da Asociación Cultural Xermolos, son trazos dunha vida cotiá en Guitiriz, sen que a morte borrase esa pegada.

O que entra en Guitiriz dende a autovía do Noroeste pasa pola avenida Díaz Castro. Se colle á dereita antes de chegar ao campo da feira, atopa o instituto, que leva o nome do poeta. Se entra no edificio e pregunta por actividades dos últimos anos, decátase de que o autor de Nimbos converteuse nun estímulo para alumnos e para profesores. Se continúa cara ao centro, ve que mesmo o título dese devandito libro serve para dar nome a unha pastelería. Se, xa ao lado da Casa do Concello, colle cara á esquerda, cun pequeno percorrido chega á Casa das Palabras e atopa un amplo fondo documental que xestiona Xermolos.

Porén, non é o pasado o único que ten vencellos en Guitiriz con Díaz Castro. O poeta foi elixido pola Real Academia Galega para ser lembrado no Día das Letras Galegas do 2014, e non só se escolleu a vila termal como escenario dos actos, senón que a data axudou a dar máis forza á presenza de Díaz Castro: as fachas de palabras seguen a xerar unha luz potente.

O Concello de Guitiriz creou un certame de poesía dedicado a Díaz Castro. Hai varios días, entregouse o premio ao gañador da quinta edición, que foi Pablo Bouza coa obra Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse. O premio ten unha dotación de 2.000 euros e inclúe tamén a publicación da obra. Tamén se publicou hai anos unha edición das obras completas de Díaz Castro, a quen dedicou un amplo estudo o profesor e crítico literario Armando Requeixo.

Hai anos, a Díaz Castro tamén lle dedicara un traballo Alfonso Blanco, que xa amosara interese polo autor pouco despois de chegar destinado a Guitiriz como crego. Pero unha ollada ao Guitiriz de hoxe serve tamén para ver que Díaz Castro constitúe unha figura da literatura galega contemporánea e asemade unha influencia en Guitiriz e en zonas próximas: o poeta semella terse convertido case en profeta.

Festival

Os días 12 e 13 deste mes, en Guitiriz celebrouse o Festival de poesía guitirica. Un 2 de outubro, coincidindo coa data de pasamento de Xosé María Díaz Castro, creouse o grupo chamado Nova Poesía Guitirica, O desexo de promover Guitiriz como concello poético é un dos obxectivos do colectivo. O festival tivo no seu programa presentacións e actuacións. A entrega do premio Díaz Castro celebrouse durante o festival, durante o que tivo tamén lugar a entrega do certame Vilariñas, convocado por quinta vez: os autores galardoados foron Mar Pazos, Jeferson Costa Leite de Alegrete e Quique Roxíos.

Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, pronunciou o pregón do festival, en cuxa organización tamén participou o Concello. Blanco amosaba, días despois, satisfacción pola celebración deses actos, que, na súa opinón, amosan que Díaz Castro segue a ser un autor vivo e que o interese pola súa obra non deixa de medrar. Con novos soportes para a expresión ou coa música como arte á que se incoporan poemas de Díaz Castro, o escritor dos Vilares non é indiferente aos novos, di Blanco.