A Deputación de Lugo ofrece 1.320 prazas nos tres balnearios da provincia

la voz LUGO

LUGO

Una de las zonas termales del Balneario de Lugo
Una de las zonas termales del Balneario de Lugo OSCAR CELA

Os beneficiarios terán importantes descontos tanto en réxime de estancia como só para o uso termal

27 jun 2021 . Actualizado a las 22:02 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deulle este venres o visto bo ás bases para a selección das persoas beneficiarias do programa Lugo Termal, unha medida que forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia da Deputación. A voceira do goberno, a socialista Pilar García Porto explicou que se publicarán nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia, establecéndose as datas de apertura do prazo de inscricións, que se manterá aberto ata que remate o programa ou se esgoten as prazas.

Estes bonos do programa Lugo Termal ofrécellos a Deputación aos veciños e veciñas da provincia para desfrutar de tratamentos mineromedicinais nos tres balnearios da provincia, en Lugo, Palas de Rei e Pantón. «A novidade este ano é que decidimos aumentar o rango de idade dos beneficiarios programa, de modo que poderán participar maiores de 50 anos, e cun acompañante que non teña necesariamente esta idade. O obxectivo é aumentar o beneficio directo destes descontos nos establecementos termais e axudarlles a recuperar a súa actividade tras o parón provocado pola pandemia», concretou Pilar García Porto.

Haberá 1.320 prazas nos tres balnearios, divididas en dúas modalidades: tratamentos con estancia e sen estancia. As persoas beneficiarias deberán cumprir con catro requisitos: estar empadroado ou empadroada nalgún dos concellos da provincia e ter cando menos os 50 anos cumpridos, valerse por si mesma, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas. 

En canto ás modalidades, 1.000 prazas serán para tratamentos con estancia, que inclúen réxime de pensión completa durante seis días e cinco noites e un mínimo de 15 técnicas termais. Haberá 100 prazas en Lugo, 700 en Pantón e 200 en Palas de Rei. Esta alternativa ten un custe máximo de 250 euros por persoa e estancia, dos que a Deputación de Lugo farase cargo de 60,50€ de máximo e a persoa usuaria do restante.

A segunda modalidade será o termalismo sen estancia. Conta con 320 prazas e os beneficiarios ou beneficiarias poderán recibir un mínimo de 30 técnicas termais durante dez días. Neste caso os participantes benefícianse dun prezo vantaxoso de 200€, gracias aos descontos que ofrece a Deputación. Disporanse de 100 prazas en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas de Rei.

Aprobada unha liña de axudas para as reservas da biosfera

A Deputación de Lugo lanza unha nova liña de axudas de concorrencia competitiva dotada con 83.000 euros destinada a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia institución. Así o aprobou este venres a Xunta de Goberno provincial, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. A deputada socialista lembrou que esta medida está recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia que a Deputación puxo en marcha para axudar a paliar o impacto da pandemia, sobre todo na hostalería, o turismo e o comercio local.

García Porto explicou que son unhas axudas que a Deputación de Lugo convoca por primeira vez, e que teñen como obxectivo o desenvolvemento do territorio a través de actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en posta en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das reservas. «Estas axudas resultan fundamentais para que os axentes implicados nas Reservas Terras do Miño e Ancares Lucenses teñan capacidade económica para executar accións encamiñadas á protección ambiental e ó desenvolvemento sostible do territorio», recalcou.

Así mesmo, a deputada puxo o foco en que a finalidade é que «non só a Deputación de Lugo como entidade responsable das Reservas impulse accións, senón fortalecer unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais e entidades sen ánimo de lucro propoñan e impulsen actividades no marco dos Plans de acción que aprobaron as dúas Reservas». Como exemplo, mencionou o proxecto de recuperación, conservación e aproveitamento económico dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, que é finalista nos premios Copa de España Creativa 2020, que recoñecen os proxectos máis innovadores e creativos do Estado para favorecer o desenvolvemento do territorio.

A convocatoria de subvencións ten dúas liñas diferenciadas. A primeira destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, dotada con 45.000€. Neste caso son un total de 26 municipios os que forman parte da Reserva: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade. A segunda está destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e conta 38.000€. Neste caso, son tres municipios (Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna) os que integran a Reserva.

A Deputada concretou que cada entidade solicitante poderá optar a unha subvención que vai dos 1.000 aos 10.000€. Unha vez se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abrirase un prazo de solicitude de 10 días hábiles para presentar as peticións.