Consideran que se trata dun percorrido que axudaría á economía de concellos rurais
25 jun 2021 . Actualizado a las 16:09 h.A Gran Senda do Navia é un ambicioso proxecto lanzado pola sociedade civil e impulsado por institucións galegas e asturianas que según denuniaron este venres cargos do PP provincial «durme o sono dos xustos dende que en 2018 foi presentado ao Goberno para a súa declaración de interese xeral e a posterior inclusión na Red de Caminos Naturales».
Desde o PP de Lugo sinalan que non queren que unha iniciativa que considera moi relevante dende distintos puntos de vista se perda nos caixóns da Administración, e por iso anunciron en Navia que presentarán iniciativas en distintos ámbitos institucionais para dar impulso a esta gran senda, nun acto no que estiveron a presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, xunto cos alcaldes e portavoces populares nos sete concellos lucenses afectados, ademais de deputados e senadores.
O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, explicou: «Dende o Partido Popular de Lugo queremos demandar dende aquí, dende Navia de Suarna, que se retome canto antes o proxecto da Gran Senda do Navia, un grandísimo espazo, de máis de 400 quilómetros, entre O Cebreiro e o Cantábrico, que una Galicia e Asturias. É un proxecto que afecta a catro comarcas e 16 concellos das dúas autonomías, dos cales sete son lucenses, concretamente: Pedrafita, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Cervantes. Este proxecto, promovido no seu día dende varios colectivos e pola Deputación de Lugo e o Principado, é moi interesante. A tramitación da Gran Senda do Navia leva parada dende xaneiro do 2018, en que foi presentada ante a Dirección General de Desarrollo Rural y Política Forestal e que logo, coa moción de censura, quedou totalmente apartado».
Os populares indican que «a intención é conseguir a declaración de interese xeral e integrar esta senda na Red de Caminos Naturales. É algo no que todos os concellos afectados están de acordo, e tamén a Deputación; PP quere retomar este proxecto e que non quede no esquecemento e para elo anunciamos que presentaremos iniciativas nas diferentes administracións».
Castiñeira dixo: «É unha iniciativa moi interesante. Sería unha senda peonil e ciclista, que protexería o espazo natural que xera o Río Navia e, á vez, promovería o turismo de natureza, que tan bo resultado dá en Galicia. É unha posta en valor dos recursos do rural; é un bo proxecto que se podería financiar cos fondos Next Generations de recuperación». Tamén indico que iInicialmente calculouse un orzamento de 4,2 millóns de euros; se se leva adiante, tería un retorno moito maior e sería un valor moi importante: « É un proxecto que reforzaría ás tres principais alternativas do Camiño de Santiago, porque as atravesaría: o Francés, o Primitivo e o do Norte. O PP está a favor de que esta senda sexa unha realidade e esperemos que a Administración retome o proxecto canto antes».