Algunhas das publicacións de Lucía Rodríguez acadaron preto de 100.000 persoas: «Argueiro significa que algo se che mete nun ollo e molesta, pero tamén é un apelativo cariñoso»
26 jun 2021 . Actualizado a las 20:08 h.Lucía Rodríguez criouse nos Ancares. A súa nai é de Salgueiras, casa na que pasa agora a meirande tempo no que acouga na súa terra. Seu pai, pola contra, é de Moia. Acábase de graduar en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, entregará o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) o martes e denota a gran paixón que sente polo lugar que a viu crecer.
-Por que un TFG sobre Os Ancares?
-Eu sempre tiven claro que me gustaría facer un TFG útil sobre Os Ancares. Cando vin para Pontevedra dinme conta de que a xente non sabía nin onde estaban. Eu o que quería era facer visible a miña terra e os proxectos que se están facendo nela. Hai xente que non sabe o que é unha palloza! Ao principio, cando comecei a pensar no TFG ía facer unha marca comarcal, pero faltoume algo de cooperación, polo que decidín darlle unha volta e facer un proxecto para falar da xente e dos seus traballos.
-Qué é un argueiro?
-Argueiro é a miña palabra favorita e sempre mo chamaron na casa. Significa cando algo se che mete nun ollo e molesta moito, pero tamén se lles chama así aos nenos, é un apelativo cariñoso e a min chamáronme dende sempre argueirín. Eu vou meter Os Ancares nos ollos da xente para que entre e nunca volva saír.
-E como desenvolveu a idea?
-Fixen unha páxina de Facebook na que teño máis de 1.200 seguidores e unha de Instagram con máis de 400. Algunhas das miñas publicacións acadaron a unhas cen mil persoas. Comecei a publicar o sete de maio, pero o traballo de investigación comezou en outubro, máis ou menos.
-Fálenos do proceso.
-Contactei coa xente, pero tamén fun vela para facer as entrevistas de xeito presencial. Como anécdota, en total fixen uns 600 kilómetros. Iso traducido en horas foron case 18. Non hai máis verdade que dicir que as estradas do rural non se miden por kilómetros, mídense por tempo.
-Fálenos do logo de O Argueiro.
-A tipografía da palabra argueiro que está no logo é similar á dos meus avós. O símbolo, esa flor de seis pétalos, era o que había no hórreo da miña casa. Descubrín ese signo porque mo ensinou miña nai, xa que o hórreo que había na miña casa quitárono hai 50 anos. Ademais, é o símbolo que levo no colgante, comprado en Piornedo. Non ma quito do pescozo dende hai uns dez anos. Foi unha casualidade tan bonita que pensei que non a podía deixar escapar. O símbolo está envolto por unha cesta, que tamén ten unha simboloxía.
-É un proxecto de escritura.
-Este proxecto máis que de publicidade é de comunicación. A min o que me gusta é escribir, e creo que é o que mellor se me da.
-Que vai facer agora que rematou a carreira?
-O ano que vén vou para Barcelona facer un máster sobre comunicación dixital e novas tecnoloxías.
-Botará de menos Salgueiras vivindo en Barcelona.
-A ver, aló vou vivir cuns tíos, polo que será como estar lonxe e á vez, cerca. A min o que me da algo de rabia é non poder falar galego, pero vouno intentar.
-Vivindo en Pontevedra... vai todos os fines de semana á casa?
-Os tres primeiros anos de carreira si, pero agora non. Son moitas horas de viaxe, dúas e media a Lugo e ata Os Ancares, teslle que sumar unha. Ao final son case 300 kilómetros. Ademais, o bus é dos que vai facendo paradas. Comecei a carreira con seis buses ao día a Lugo e remátoa con tres. Iso pasa por ser de aquí, que nos quitan todo.
-Realmente a xente non coñece Os Ancares?
-Pasoume cando marchei para Lugo de pequena. Entón, había xente que nunca escoitara falar de Navia de Suarna. Cando cheguei a Pontevedra pasoume o mesmo. Se algo fun presumindo eu sempre é de ser de onde son. Xustamente na graduación, tras dar o discurso, houbo compañeiros que se me achegaban e dicían que aínda que nunca falaran comigo sempre que escoitaban algo de Navia ou dos Ancares se acordaban de min.
-A que se vai dedicar?
-A algo de escribir ou de community manager. Antes tíñao claro, pero agora non o sei. Polo momento quero aprender, formarme e descubrir.
-O Argueiro seguirá?
-O Argueiro está parado porque necesitaba descansar, pero retomareino moi pronto, en canto entregue o TFG e volva a casa.