As marionetas, gardiás da memoria colectiva, ofrecen en Lugo un paseo polo mundo e a historia

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Viravolta, unha das compañías de monicreques máis antigas de Galicia, presenta a súa colección de pezas únicas para achegarse a unha das formas de expresión cultural máis lonxevas. A mostra «Un mundo de títeres» pode visitarse no Vello Cárcere ata o 30 de outubro

22 ago 2021 . Actualizado a las 21:38 h.

Un paseo pola historia e polo mundo é posible a través dos títeres, unha das formas de expresión cultural máis antigas; creacións únicas que funcionan como verdadeiras gardiás da memoria colectiva e que seguen sendo, aínda hoxe en día, pezas artesanais. «Un mundo de títeres» é a proposta que levou Viravolta Títeres, unha das compañías máis antigas de Galicia, ao Vello Cárcere de Lugo, onde se poderá visitar ata o 30 de outubro. Son todas pezas únicas, da colección de Viravolta, «que se foi completando ao longo de corenta anos de historia; algunhas, feitas por nós, e outras, mercadas ou regaladas», explica Anxo García, compoñente de Viravolta.

A mostra, organizada pola concellería de Cultura, está estruturada en diferentes apartados. Por un lado, un repaso ao mundo das marionetas en distintos países: «Hainas galegas, de África, de América, e de Asia, por suposto, que ten moita tradición...», continúa García. Os recunchos con presenza deste xoguete son infinitos porque «non hai ningún país que non teña un teatro de marionetas propio».

Outra das seccións está dedicada aos monicreques de autor, feitos por titiriteiros de certo prestixio. Tamén contan cun apartado específico sobre «As marionetas e a tradición», que en Galicia ten o seu piar no teatro de Barriga Verde, «a expresión que atopou en Galicia o títere tradicional europeo no século XX do Polichinela ou Cristóbal. De feito, Barriga Verde eclipsou ao anterior personaxe popular galego, precisamente o Cristovo, que era similar, e que tradicionalmente presentaban os cegos das zanfonas», explica García. Da man da familia Silvent, a partir dos anos dez, o teatro de Barriga Verde gañou sona e mesmo se converteu nun imprescindible do San Froilán de Lugo. Na mostra do Vello Cárcere pódese ver unha recreación en pequeno da Barraca para unha posta en escena do texto de Manuel María.

Década sen títeres en Galicia

A tradición dos títeres en Galicia non solo fala de Barriga Verde, senón da perda dese patrimonio cultural a mediados do século XX. «Nos anos sesenta desapareceron as marionetas en Galicia, e volveron nos setenta, polo que non houbo un contacto entre os titiriteiros novos e as xeracións anteriores; tiveron que aprender de oídas e cun traballo de investigación moi grande», continúa García. Porén, nestes últimos 50 anos, o avance foi enorme: «Fixemos un traballo moi grande sobre o noso oficio e a situación do sector foi mellorando con momentos de moito crecemento. Aínda que, coa pandemia, a situación do sector se retraeu, contamos en Galicia cunha vintena de compañías de títeres», sinala o profesional de Viravolta. Pero aínda queda moito por facer no referente á posta en valor desta arte que non deixa de ser tamén unha testemuña da historia: «Un dos grandes problemas que seguimos tendo é que moita xente non deixa de velos como espectáculos para nenos, cando hai numerosos para público adulto».

A exposición está cargada de pezas curiosas, desde orixinais dos Silvent ata teatriños de cartón do século XX que usaban as familias nas casas para entreter aos nenos, ata marionetas das danzas de cintas. Tamén expoñen os títeres que crearon para o videoclip do tema Desde o altar, do álbum Opoñerse á extinción, de Sés: «É un campo en auxe, hoxe en día hai moitos videoclips de moitos estilos musicais feitos con marionetas».

Dos títeres de luva aos de fíos, pasando polos xogos de sombras

A exposición que se pode visitar estas semanas no Vello Cárcere fai un repaso tamén polas distintas técnicas de manipulación e inventos que xurdiron parellos á evolución do mundo das marionetas: desde os títeres de luvas, ata os de varillas ou de fíos, pasando polo teatro de sombras. E é que os espectáculos de monicreques acompañaron á humanidade posiblemente desde os seus inicios, ligados ao desenvolvemento da imaxinación. Desta arte milenaria hai vestixios en Exipto, en China ou mesmo na Grecia clásica: «O mito da caverna do que fala Platón fai referencia a ese teatro de sombras (...) Os títeres son tan antigos como a cultura», sinala Anxo García, de Viravolta.

Material bibliográfico como libros, carteis ou folletos completan unha mostra que se pode visitar de balde ata o 30 de outubro no Vello Cárcere, de domingo a mércores, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30; e de xoves a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.30 horas.