O ciclo da Filarmónica ofrecerá trece concertos en Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do ciclo de concertos
Presentación do ciclo de concertos CEDIDA

A Orquestra Vigo 430 abre a tempada este sábado coa estrea dunha obra de Juán Durán

22 sep 2021 . Actualizado a las 11:05 h.

A nova tempada musical da Sociedade Filarmónica de Lugo ofrecerá trece concertos. O ciclo comezará este sábado coa actuación da Orquestra Vigo 430, dentro da xúa xira para o Xacobeo 2021-22. O programa inclúe a estrea da obra de Juan Durán Variacións sobre Rosa de Abril para piano e orquestra co pianista Antonio Queija, xunto a composicións de Dvorak, Bartók e Turina. Todos os concertos do ciclo terán lugar ás 20.00 horas no Círculo das Artes.

Esta será a tempada de concertos número 75, que se veñen sucedendo de forma ininterrompida dende 1947, alcanzando xa máis de 700 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Os trece novos espectáculos están programados de setembro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila.

Destaca a presenza neste ciclo das tres grandes orquestras sinfónicas galegas: a Real Filharmonía de Galicia (17 de decembro e 1 de abril), a Orquestra Sinfónica de Galicia (23 de febreiro) e a mencionada Orquestra Vigo 430 que tamén actuará o 29 de xaneiro.

A conmemoración do 125 aniversario do pasamento de Johannes Brahms será outro dos fitos do 2022 que terá presenza ao longo da tempada en varias datas e principalmente nos dous concertos, coa integral dos seus cuartetos (19 de febreiro e 7 de maio), que ofrecerá o Cuarteto Quiroga, o cuarteto de corda máis internacional do noso país na actualidade.

Tamén solistas de gran prestixio internacional intervirán na tempada, tanto con orquestras como en recitais: o chelista alemán Nicolas Aldstaedt interpretará coa RFG o Concerto para chelo de Schumann, a extraordinaria violinista holandesa Rosanne Philippens dirixirá e actuará como solista no Concerto para violín de Brahms, o violinista francés David Grimal, o ruso Alexander Sitkovetsky e o violista ucraniano Maxim Rysanov serán outros dos solistas destacados.

Piano e música de cámara

O piano será o protagonista en dous recitais. O primeiro será o 10 de marzo a cargo de Alexei Petrov, o último gañador do Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo; e o 27 de abril, con Judith Jáuregui, unha das pianistas máis recoñecidas dos últimos anos.

Terá tamén presenza a música de cámara en dúas datas especiais: o 23 de novembro o cuarteto Trifolum, grupo significado na interpretación historicista, cun concerto arredor da música do que fora algún tempo mestre de capela na Catedral lucense, o portugués Joao Pedro Almeida (1744-1817); e o 11 de decembro cun concerto extraordinario cos Cuartetos con piano de Mozart a cargo de catro excelsos solistas: a pianista Noelia Rodiles, Aitor Hevia (Cuarteto Quiroga), Lara Fernández (Cosmos Quartet) e Fernando Arias (Trío VibrArt).

Un lugar especial e sinalado terán na tempada os concertos protagonizados polo contratenor Christian Gil Borrelli, xunto á Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave (17 de decembro), e pola mezzosoprano islandesa Gudrún Ólafsdóttir acompañada polo Sonor Ensemble, unha das agrupacións españolas con maior proxección internacional e formada por músicos da Orquesta Nacional de España dirixidos polo mestre Luis Aguirre (29 de outubro).

Debido ás limitacións de aforo pola pandemia, para asistir aos concertos será necesario reservar as entradas no 982 230 805 ou filarmonicadelugo@gmail.com

A tempada de concertos da Filarmónica conta co apoio da área de cultura da Vicepresidencia da Deputacíón, de Cultura do Concello, e de Cultura da Xunta.