![Acto de presentación das actividades](https://img.lavdg.com/sc/VTmUmWm3-PZ2_YBeq3R9T2kA4pM=/480x/2022/02/16/00121645012142442810664/Foto/LOGORADIO_124752.jpg)
A Vicepresidencia presentou os actos para festexar o día 23
16 feb 2022 . Actualizado a las 13:04 h.A Vicepresidencia da Deputación promove actuacións teatrais, murais e exposicións para reivindicar a obra de Rosalía de Castro. Por unha banda, o día 23 inauguran na Praza de San Marcos a exposición A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía, promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro, que recolle a historia da musealización da Casa da Matanza, en Padrón, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades do país e a emigración. Poderase visitar ata finais de marzo.
Por outro lado, tamén o 23, os catro museos da Rede Museística Provincial (Museo de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Fortaleza de San Paio de Narla) agasallarán ás visitas cun caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema Quixente tanto, neniña de Cantares Galegos. As láminas poderán recollerse no horario habitual dos museos.
A programación tamén inclúe representacións das obras teatrais Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, e A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola, inspiradas na obra e a figura da autora. Ademais, Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage (Van Kraft) realizarán murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos. Tamén haberá obradoiros entre os días 19 e 26, previa inscrición en concertacionsrmp@gmail.com. Ademais, o 23 ás 12.00 haberá unha lectura conxunta virtual da obra de Rosalía e na web comunidadermpl.es poderase descargar unha unidade didáctica sobre Rosalía.
Por último, a Vicepresidencia sumarase aos actos organizados pola AELG o día 23 no Parque de Rosalía (12.00 horas): ofrenda floral, lectura do manifesto «Semetando pensamentos» e unha lectura pública de poemas e textos de Rosalía.