Voz Natura: Unha horta en Monforte con plantas que se levan ben

Carlos Cortés
CArlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LUGO

O colexio da Gándara revive o seu terreo de cultivo e faino sostible

15 mar 2022 . Actualizado a las 21:16 h.

Calquera agricultor cun mínimo de experiencia sabe que hai plantas que crecen mellor xuntas, da mesma maneira que hai cultivos que é mellor manter separados. Ese sinxelo principio é a base do proxecto que presenta este curso en Monforte o colexio da Gándara, dentro de Voz Natura, o programa de educación ambiental de La Voz de Galicia promovido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado por la Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

«O horto do colexio levaba xa un tempo sen uso, e este curso decidimos que era o momento de revivilo». Así conta Sara Álvarez, a profesora de relixión deste colexio monfortino, o punto de partida do proxecto que o centro presenta nesta ocasión a Voz Natura. Queren recuperar este terreo de cultivo como un horto sostible, e non só porque os cultivos estean organizados para que as plantas se favorezan unhas a outras.

Compost e insectos

O horto está na parte traseira do recinto do colexio, cerca de varias composteiras nas que os estudantes xa preparan o compost que empregarán como abono. E xunto ás composteiras, unha caixa con forma de casa e varios compartimentos vai funcionar como atraente para insectos. En cada un deses compartimentos hai elementos como piñas, trozos de tella ou herba seca capaces de atraer a distintos tipos de insectos. Cantos máis insectos se instalen nesta casa máis fertilizarán as plantas que medren no horto.

Plantas de folla, de froita, de bulbos, flores... todo colle no horto do colexio da Gándara. Está en produción desde pouco antes das vacacións de Nadal, cando se plantaron allos, cebolas e tulipáns. Onte plantaron amorodos grandes e pequenos e pronto comezará a sementeira de tomates, pementos e porros.

No proxecto colaboran diferentes profesores da Gándara, pero está coordinado por Sara Álvarez. Natural do Courel, esta profesora non é ningunha experta en agricultura. «Sei o que vin facer de pequena no Courel —explica—, pero pouco máis, eu tamén estou aprendendo con isto». E con quen aprenden ela e os estudantes é con Carlos Pérez, todo un experto.

Pai dunha alumna de educación infantil, Carlos ten un posto na praza de abastos de Monforte no que vende o que el mesmo cultiva na horta familiar na aldea de Piño, no concello da Pobra do Brollón. El é o que dirixiu os traballos de preparación da horta e quen lles explica aos pequenos como hai que sementar, plantar e traballar a terra.