Un mapa ilustrado para coñecer Os Ancares ao completo

PAULA ÁLVAREZ / M. G LUGO / LA VOZ

LUGO

A ilustradora Ana Santiso foi a encargada do deseño deste mapa.
A ilustradora Ana Santiso foi a encargada do deseño deste mapa. A. SANTISO

O mapa de Ana Santiso ilustra, a través de pequenos debuxos, o patrimonio e a biodiversidade deste territorio

27 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos tres anos que leva residindo en Os Ancares, Ana Santiso non deixou de traballar no que máis lle gusta, o mundo da arte e a ilustración. Esta muller, natural de Touro, ten moitos proxectos por diante na provincia, pero un deles naceu directamente vinculado ao entorno que hoxe en día a rodea.

Estes días presentouse en Casa Quindós (Vilela) un mapa ilustrado no que Ana leva, aproximadamente, dous meses traballando. Trátase dun proxecto que nace impulsado pola Asociación Ser, con sede nesa casa cultural, e que busca destacar a fauna e a flora, pero tamén os lugares emblemáticos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá.

O deseño dun mapa foi algo novo para a ilustradora, que non traballara con anterioridade en algo así. «Non sabía onde estaban os sitios e fíxoseme difícil situalos. Era moitísima información para resumir e conseguir darlle un aspecto lixeiro ao mapa», confesa Santiso.

Ademais de especies animais e vexetais, coma o lobo, a perdiz, o bufo real ou o carballo, no mapa están ilustradas igrexas, castros, aldeas, ríos e montes. Segundo explica o presidente da Asociación, Oliver Laxe, «aparecen lugares coma o Abesedo de Donís, o Bosque de Cabanavella, o Faial de Pintinidoira ou o Souto de Agüeira, espazos dunha biodiversidade clave».

A través de pequenos debuxos dixitais, Ana conseguiu representar á perfección toda a natureza e patrimonio que envolven Os Ancares. Ela encargouse do deseño e ilustración, mentres que a parte documental correu a cargo da Asociación Ser, coa axuda de xente que coñece o territorio, axentes forestais e biólogos.

O feito de levar tres anos residindo en Os Ancares, concretamente en Vilar de Cancelada, axudoulle a Ana á hora de desenvolver o proxecto porque lle permitiu «meterse no ambiente da historia». E tamén descubrir lugares novos e situarse mellor na zona: «Saber por onde ando e orientarme». En definitiva, a coñecer mellor o territorio onde xa ten construída a súa vida.

De feito, o seu vínculo con este lugar foi un dos motivos polos que a elaboración deste mapa quedou nas súas mans. «Parecíanos ideal apostar por xente que vive neste territorio. Tiñamos claro que tiña que ser así», manifesta Oliver.

Unha vez rematado o traballo, tanto a Asociación Ser coma Ana móstranse satisfeitos co resultado. «Estou contenta por traballar con esta Asociación, e tamén por traballar acerca desta zona» manifesta a ilustradora.

Unidade didáctica

O mapa, financiado pola Deputación de Lugo, forma parte dunha unidade didáctica elaborada en Casa Quindós pola Asociación Ser e que conforma unha especie de «xincana pedagóxica». Isto son, segundo conta Oliver, «probas e enigmas que resaltan os valores da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses».

En Vilela, na Casa Quindós, acollen visitas de colexios, especialmente dos localizados nesa zona. Neste sentido, o mapa está pensado para entregar aos alumnos que pasen por alí, co obxectivo de «concienciar dos valores ecosistémicos do territorio e como estes repercuten positivamente en toda a sociedade».

Simbolismo

No mapa aparecen representadas as recoñecidas pallozas de Os Ancares. Dende a Asociación Ser explican que estas agochan un forte significado. As que teñen o teito de uralita, aparecen ilustradas de cor gris, mentres que as compostas por palla, vense no mapa co teito dourado, coma a cor do centeo. Segundo explican, o que se busca con isto é incluír unha visión de futuro. «Soñamos con promover no futuro iniciativas de investigación para colorear outra vez de dourado moitas desas pallozas que os veciños protexen como poden». Laxe confesa que aínda non hai unha liña de axudas para a conservación deste elemento patrimonial que lles parece «único».

A figura humana, clave

Dende a Asociación destacan que a figura humana é «un factor clave para protexer o equilibrio do ecosistema». A gandaría, as fontes e os prados de sega, por exemplo, repercuten positivamente en toda a biodiversidade e no mapa inclúense como parte dese ecosistema, a través da ilustración de vacas e cabras.