![Vistas da aldea de Doncos.](https://img.lavdg.com/sc/OYZA08i3WRj4RTLH7NBCXQRc3gU=/480x/2022/08/12/00121660326062953619812/Foto/L24M2003.jpg)
A aldea, que dispón de fibra óptica, conta cun particular «espazo coworking» de teletraballo
13 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A aldea de Doncos, a máis grande da montaña lucense, é o claro exemplo dun rural con oportunidades, avances e tecnoloxía. Sempre foi un lugar ben comunicado, coa presenza de antigos camiños que fixeron dela un espazo con moita afluencia de xente.
Pero agora, ao igual que gran parte do rural galego, afronta grandes perdas de poboación. Unha situación desesperante, na que aínda colle un pouco de optimismo grazas á instalación de avances coma a fibra óptica. Lonxe de ser a única solución, o acceso á rede pode ser unha motivación para asentarse no rural.
A chegada de Internet rompe totalmente cos prexuízos que vinculan as aldeas coma esta co atraso social e económico. Se ben é certo que son lugares máis illados, e a veces peor comunicados no que a estradas se refire, esa idea tan repetida de que «aí non chega nin o Internet» quedou atrás coa instalación da conexión rápida.
De feito, esta aldea é protagonista de varias situacións que demostran que a innovación e a adaptación ao mundo tecnolóxico son posibles no entorno rural. Movido pola inquietude, o presidente da Asociación de Veciños, Xosé Espín Mejía, decidiu montar na súa casa un particular «espazo coworking»; un par de oficinas onde poden teletraballar ata tres persoas ao mesmo tempo. Só precisan un ordenador portátil, un teléfono móbil e unha boa conexión a Internet, algo que «por sorte, chegou fai dous anos e medio a Doncos».
Espín fala de sorte porque, de non ser pola fibra óptica, non podería estar acollendo a todas as persoas que nestes días veñen traballar a súa casa. Unha delas é Pé Pardo, formada en Ciencias do Mar, que leva catro anos teletraballando dende Becerreá. Algún día acude a Doncos porque alí dispón de conexión a Internet e considera que «son necesarios espazos coma este no rural para relacionarse. É necesario separar o traballo da vida persoal».
O recordo dos seus habitantes indica que Doncos é un pobo con moita historia. Unha historia que se vai perdendo cando as casas quedan sen a xente que a conforma. Hoxe en día, hai 54 vivendas abandonadas que os veciños esperan ver de novo abertas grazas ás oportunidades laborais que ofrece o mundo rural.
De A Coruña a Doncos: «Dende que cheguei aquí toda a miña vida foi a mellor»
A loita contra os prexuízos coñécea ben Marta Cuba, unha rapaza de A Coruña que non o pensou dúas veces cando lle falaron de cambiar a cidade polo rural.
![Marta Cuba vive, dende fai menos dun ano, nunha casa de aluguer en Doncos (As Nogais).](https://img.lavdg.com/sc/X_yXfGbSxD40hiHkp-y6eIMAjvY=/480x/2022/08/12/00121660324202900400632/Foto/L12G2066.jpg)
Deseñadora de profesión, asentouse en Doncos, nunha casa de aluguer, e fíxoo sabendo que aquí podía desenvolver igual o seu traballo. Marta, que sempre tivo interese polo mundo rural, confesa que «o que me permitiu vir aquí foi ter Internet. Ese foi, ademais da boa conexión coas estradas, o requisito indispensable».
Se ben é certo que non podemos falar da pandemia coma un feito positivo, a posibilidade de teletraballar cambiou, para mellor, o ritmo laboral de moitas persoas. A vida de Marta é agora a combinación perfecta: traballa as mesmas horas, pero faino dende o xardín ou tras a fiestra con vistas de película. A verdade é que depende do que lle apeteza, pois se algo ofrece o rural é liberdade. «Non necesito nin vacacións. Se estou estresada co traballo, salgo aquí, tomo un café e xa se me pasa», confesa entre risas.
Marta fala do rural coma un espazo sen horarios: «vives doutro xeito e aprendes unha nova forma de facer as cousas. O tempo do rural é un proceso no que todo xurde sen planificarse tanto», explica ao falar de cómo acabou sendo unha veciña máis de Doncos.
A posibilidade de teletraballar grazas á conexión a Internet permitiulle afrontar doutro xeito a vida laboral, pero ademais, o feito de facelo dende o rural beneficiouna en todos os aspectos; «dende que cheguei aquí todo foi a mellor». «Estou máis plena sen tantas cousas materiais», engade.
Conta tamén Marta que a súa curiosidade por vivir nun espazo natural espertou tras facer varias veces o Camiño de Santiago, cando xurdiu esa «necesidade vital» e se deu conta de que «non quería que o meu contacto con este entorno quedase na viaxe duns días».
Así mesmo, destaca que «o rural deume sempre unha base de realidade. Encontrei nel a verdade, en oposición ao aprendido na cidade». Esta é unha reflexión que ela mesma define como curiosa. Marta explícao así: «A min sempre me interesou o ecoloxismo e estiven en grupos que, en teoría, tiñan como propósito o coidado do medio. Pero descubrín que a forma de vivir da xente do campo, que nunca empregou a palabra ecoloxismo, é a verdadeira defensa da natureza».
Ademais, a nova vida en Doncos desta rapaza coruñesa permítelle experimentar e conectar doutro xeito coas súas afeccións. Gústalle camiñar, soa ou acompañada, e pasa parte do seu tempo libre practicando danza contemporánea. Adoitaba facelo en interiores, pero confesa que «mentres na cidade o proceso é máis mental e racional, a danza no campo require dun esforzo físico, ao igual que todos os traballos neste entorno».
Un futuro cheo de proxectos
Marta ten ganas de coñecer máis e máis o mundo rural. De aprender da xente que vive nel. De acostumarse as rutinas dos seus novos veciños e facer «boas migas» con eles. «Cando vexo un tractor -conta rindo- penso en ir detrás a ver que tarefas está facendo».
O que en ningún momento se propón é marchar, aínda tendo que facer fronte ao «por que non volves?» dos seus achegados. A Marta gustaríalle mercar unha casa no rural e ten varios proxectos por diante: «Quero dar clases de danza, seguir estudando e ter un horto», explica ilusionada esta nova veciña de Doncos.