Aínda estamos despedindo agosto e xa se nos bota enriba un novo curso que comeza este ano apenas encetado setembro e que, coa aplicación da LOMLOE, promete traer novidades.
Algunhas das máis visibles, das que máis transcenden á sociedade, xa se deixaron sentir o ano pasado co reaxuste do calendario de avaliacións. Unha primeira lectura dos currículos LOMLOE para Galicia deixa, para aqueles que xa vivimos a implantación da LOXSE e logo a da LOMCE, unha estraña sensación de déjà-vu.
Engadiuse a competencia plurilingüe, mais intuímos que a erradicación dos prexuízos lingüísticos segue igual de lonxe ca antes e existe un perigo real de que a perda de falantes da nosa lingua siga o seu avance. Ponse o foco, como xa se facía nos currículos anteriores, na educación para a paz, mentres en Europa vivimos a violencia da guerra; no consumo responsable para a transición ecolóxica, mentres o medo á crise enerxética leva a sociedade a recuperar os combustibles fósiles contaminantes; na educación para a igualdade, mentres as cifras falan dun aumento da violencia de xénero tamén entre a xente nova.
A lei educativa ten que ser idealista e aspirar a que a educación sirva para mellorar a sociedade. Tamén o deben ser os docentes. Moi triste serían unha lei e unha escola que non tivesen máis altura de miras que o contexto social circundante e que non aspirasen a que algún día esa educación mude realmente o que acontece fóra.
Mais agora que volverá haber nenas e nenos que miren con abraio as caixas de ceras de cores aínda sen abrir, dá mágoa que a realidade sexa tan teimuda, tan obstinadamente resistente aos nosos soños.rque temos que saber que os nenos captan a disociación entre discurso e acción e saben que, fronte ao discurso ético da escola, fóra rexe a lei da selva.