
Haberá todo tipo de actos entre os días 13 e 15 de setembro
07 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello e a USC promoven xornadas de benvida ao alumnado do Campus. Baixo o nome «BenVida USC 2022», desenvolveranse actos do 13 ao 15 de setembro, e están pensadas para dar a coñecer os servizos e alternativas formativas, culturais e deportivas a disposición da mocidade neste ano escolar. Para poder participar, os interesados poderán facer a inscrición na web do Campus Terra.
O día 13 haberá visitas guiadas á Domus do Mitreo, roteiros diurnos e nocturnos polo recinto histórico e pola sede universitaria, ademais dunha cata nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos. Tamén se celebrarán aulas abertas de ioga, en Ciencias, e de defensa persoal, no CIFP Politécnico, ademais de conversas co profesorado do Centro de Linguas Modernas en Humanidades. Dous concertos gratuítos, a partir das 21.00 horas, en ADE, a cargo de Bratzantifa e Nebra, completan o cartel do primeiro día.
A programación, que está na web da USC, continuará o mércores e o xoves con roteiros nocturnos e de arte urbana pola cidade, coloquios en idiomas estranxeiros, presentación de servizos e asociacións universitarias, obradoiros de baile tradicional, sesións de D’j e concertos. Haberá encontros con representantes de clubs deportivos e presentacións de aulas de teatro e danza.