Sonia Méndez, directora de «As Neves»: «Quero poñer en valor á rapazada galega
do rural que non ten voz na vida pública»
LUGO
A directora galega, que está a rodar a súa primeira longametraxe en A Fonsagrada, aposta por un thriller psicolóxico
09 ene 2023 . Actualizado a las 18:57 h.A cineasta Sonia Méndez (Vigo, 1980), que recibiu onte en A Fonsagrada ó conselleiro de Cultura Román Rodríguez, pretende emocionar ó público co seu debut , unha película ubicada e rodada nesta vila lucense coa que quere poñer enriba da mesa a psicoloxía adolescente dende unha perspectiva rural.
—De que vai «As Neves»?
—É un drama psicolóxico protagonizado por adolescentes que, despois de vivir un suceso traumático, intentan repoñerse. É un thriller no que é máis importante o como que o que. Os personaxes centran toda a atención.
—Por que escolleu en A Fonsagrada para gravar o filme?
—Decidín esta localización porque a peza está baseada nunha vila rural incomunicada dende o punto de vista dun grupo de adolescentes. É o entorno que eu tiña na cabeza e a paisaxe é unha marabilla.
—Ten algunha vinculación previa coa vila lucense?
—Levo vindo aquí dende hai anos para coñecer esta terra, a súa xente e as localizacións.
—Quen son os protagonistas de «As Neves»?
—Son actores novos, duns 17 anos, que queren dedicarse á interpretación. Fixen castings a máis de 500 adolescentes galegos durante todo o verán, e escollín a nove de todos eles. Só un participou anteriormente noutra película, o resto debuta agora. A verdade é que teñen moita frescura e augúrolles un gran futuro.
—Hai algún actor de A Fonsagrada?
—Contamos con veciños para facer de figuración especial e moitos dos que acompañan ó grupo protagonista tamén son de aquí.
—Que pretende transmitir ó público con esta película?
—O que quero é facer chegar esa melancolía adolescente que todos temos no noso interior. Os conflitos adolescentes son iguais para todos, así que calquera persoa pode identificarse co que lles pasa ós personaxes. Tamén quero poñer en valor á rapazada galega do rural que non ten voz na vida pública. E, o fin último, é emocionar.
—Que é o que aínda non está contado?
—Hai moitas historias de adolescentes, pero a maioría están universalizadas. O que quero é poñer o foco nun lugar e idade moi concretos: os adolescentes que viven nos lugares máis illados e a súa forma de relacionarse.
—Como ve o panorama audiovisual en Galicia?
—Aquí hai futuro. Agora mesmo hai moitísimas producións que gravan en Galicia. Ademais, hai moito traballo e moitos profesionais moi preparados. É ben sabido que as plataformas cada vez se moven máis pola autonomía e por facer contidos en galego. Temos unha identidade como cineastas que nos diferenza de calquera outro sitio, pero está claro que o audiovisual chega ou non chega. Non é unha cuestión de xeografía nin de espazos.