Elena Candia ve na atención cidadá o primeiro contacto da veciñanza co Concello e propón unha administración máis eficiente e áxil
A candidata do PP, Elena Candia, promoverá un modelo de acción municipal baseado na proximidade e na atención personalizada para mellorar o día a día tanto das persoas traballadoras do Concello coma da propia cidadanía. Nese novo deseño, Elena Candia defende que «xunto cos orzamentos, os recursos humanos son o piar fundamental para unha acción municipal dilixente, eficaz e tamén eficiente».
Para facelo realidade se é elixida rexedora, Elena Candia promoverá un diálogo social real, garantirá unha estrutura eficiente apoiada en xefes de servizo ata chegar a unha organización resolutiva e con dinamismo ou actualizará un convenio colectivo que data de 1991, entre outras medidas. «Aí comprobarase que se algo non funciona no Concello é pola dirección política, non porque non haxa grandes profesionais», conclúe Elena Candia.
«A xente dime a miúdo que entra no Concello cun problema e sae con dous; eu quero que marche cunha solución»
Máis persoal para a atención física e máis trámites online
Elena Candia impulsará un paquete de medidas para revitalizar o funcionamento do concello e dignificar tanto a institución como a imaxe do persoal municipal co obxectivo de adaptar a administración ás persoas en lugar de obrigar á veciñanza a amoldarse ao Concello.
- Eliminar o requisito da cita previa para a atención presencial no Concello, o que garantirá que ninguén quede sen atender por non contar con este trámite previo.
- Ter un cadro de persoal ben dimensionado para reforzar a atención individual nas consultas telefónicas e nas presenciais.
- Impulsar a administración electrónica con máis trámites na sede dixital do Concello co obxectivo de prestar unha atención 24/7.
- Reducir os prazos de tramitación de expedientes para axilizar a súa resolución, especialmente en áreas vinculadas á concesión de licenzas urbanísticas.
- Simplificar a linguaxe burocrática cun programa de lectura sinxela que facilite a comprensión dos trámites máis habituais, ao tempo que se impulsan programas de mellora de competencias para as persoas maiores no eido da formación dixital.