Arrepío

XULIO XIZ

LUGO

06 mar 2023 . Actualizado a las 23:19 h.

Atribúese a Miguel Boyer a frase de que «España es un país de porteras», considerando que aquelas traballadoras doutrora, coñecedoras de interioridades, potenciaban frivolidades e murmuracións. Non sei cualificar como consideran a este pais os emporios audiovisuais, privados ou públicos, cando adoitan potenciar rumores, airear amoríos ou fomentar a cultura do pelotazo e da sorte; os chamados programas do corazón teñen máis relevancia que os de ciencia e a información truculenta vende máis ca a do cambio climático ou da fame no mundo.

Por idade e sensibilidade, quero saber do que pasa pero non preciso certos detalles, nin furgar nas feridas, e moito menos, ferir ao posible feridor, como está a ocorrer no xuizo do Crime de Muimenta, onde ignorando a presunción de inocencia ata que haxa sentencia firme, non se pode consentir que partes interesadas ou atraídas polo tema insulten á presunta culpable dun feito indescritible.

Insisto en que me parece unha aberración impropia dun país sensato que os acusados dun crime teñan que pasar polo medio de persoas que os insulten e poidan agredilos, sen tomar medidas de acceso discreto. Se nos queixamos de que os medios xulguen e tomen partido en xuízos deste tipo, non pode engadirse esta condena previa innecesaria e degradante á que en xustiza proceda.

A transmisión case en directo de sucesos ou xuízos arrepíame, e se unha acusada non é culpable ata que haxa unha condena firme, tampouco pode ser exposta a unha condena pública, e moito menos a unha agresión física ou moral.