Fálasenos, na prensa, sobre o “relanzamento” do Centro Comercial As Termas con novos espazos de Inditex, sobre a paralización do Centro de Abella, sobre o peche do Corte Inglés de Marineda City… Hai non moito tempo, os Centros Comercias eran os templos de culto ao consumo, un signo de modernidade, as catedrais do capitalismo, en palabras de Saramago. Émile Zola describiu con lúcida visión premonitoria o que chegarían a ser nunha das súas mellores novelas. A protagonista, chegada de provincias con dous irmáns a cargo para traballar en París na tenda do seu tío, axiña comprendeu que ese negocio, outrora próspero, esmorecía porque todo o fulgor se transladaba ao recentemente aberto Paraíso das Damas. Así que, abrazando os novos tempos, comezou a traballar como empregada no primeiro centro comercial de París. Agora, Denise comprendería, do mesmo xeito, que o Centro Comercial languidece e procuraría o futuro e o sustento no comercio a través das redes. É a vella historia dun animal que come a outro e logo sucumbe ante un depredador máis grande.
A cuestión é como está afectando todo isto ás nosas cidades, aos centros históricos, ao noso xeito de vivir no ámbito urbano. Non cabe dúbida da importancia do tecido comercial no ambiente das rúas. Os barrios sen comercio causan unha impresión tristeira, grisalla, á que non nos afacemos os habitantes dun mundo dado ao encontro e aos espazos colectivos. Semella que o discurso de querermos reflotar os centros comerciais se nutre hoxe do que en tempos foi a defensa da tenda de barrio. O cambio, temo, non o vai deter a saudade erixida en dique, que todo o máis conseguirá que eses centros con pés de area resistan o embate dunha nova onda. As tendencias de consumo das novas xeracións marcarán o futuro das cidades. O comercio que fique, querémolo concentrado ou entretecido no trazado das nosas rúas?