31 may 2023 . Actualizado a las 13:33 h.

Samos e Compostela, tan distantes en xeografía e volume de poboación, comparten a circunstancia de que, como resultado das recentes eleccións municipais, terán, previsiblemente (e por primeira vez na historia), unha alcaldesa. Ambos exemplos rachan, asemade, con algo no que eu sempre crin e que se podería designar, para entendérmonos, co nome de efecto Thatcher. Sempre me pareceu que as primeiras mulleres en accederen a cargos políticos relevantes virían da dereita, por aquilo de compensaren a desconfianza que a cuestión puidese xerar en colectivos marcados por prexuízos patriarcais (ou sexa, case todos).

Goretti Sanmartín e Chus López están aí, contra o efecto Thatcher, e xunto a Lara Méndez e Inés Rey van marcando o camiño cara a un escenario e e unha representación política que reflicta a presenza e o papel das mulleres na propia sociedade, aínda que coido que seguiremos a oír durante moito tempo o de “a primeira muller en…”, dada a magnitude da exclusión que padecemos historicamente.

A noite electoral foi significativa non só neste aspecto e desencadeou o adianto das eleccións xerais, así que non haberá descanso. Seguiremos a escoitar a unhas e a outros tentando captar o noso voto, ese que, un a un, semella case insignificante, mais que acaba por determinar tantas cousas: nada menos que o noso futuro como sociedade. Que a deputación de Lugo se decidise por 250 votos di moito do valor de cada unha das nosas decisións, de cada xesto, de cada escolla. Lembro a ilusión coa que votei a primeira vez: era un xeito de entrar definitivamente na vida adulta, de sentir a importancia das miñas ideas. Quizais a xente nova de hoxe en día, mesmo cando vota, o fai de xeito máis escéptico, menos inxenuo, con algo de desencanto precoz. Algunha cousa fixemos mal, non cabe dúbida. Creo que unha das nosas obrigas como adultos e axudalos a recuperaren a ilusión.