25 jul 2023 . Actualizado a las 18:07 h.

Abrir o mapa político para ver os resultados electorais da provincia de Lugo causa a miraxe momentánea de atoparse ante un mapa dialectal no que se perfila nidiamente unha “excepción oriental”. Desde Foz, pasando pola Fonsagrada e chegando ata Pedrafita, toda unha franxa aberta ao nacente tínguese de vermello fronte a unha zona central de sólido azul. No extremo occidental, aínda que con menos forza, Ourol, Xermade, Guitiriz e Antas de Ulla salpican tamén de vermello o mapa da provincia. E aquí e acolá, Muras ao Norte e A Pobra de Brollón ao Sur tínguense de azul pálido.

Lugo, como microcosmos, reflicte o que podemos corroborar se abrimos o mapa global do estado: que a tendencia política se distribúe territorialmente; aí, no mapa, vemos plasmada a excepción vasca e catalá e a escisión entre as dúas Españas, esas das que Machado dixo profeticamente que unha había de xearnos o corazón, idea que retomou Almudena Grandes na súa obra magna sobre a Guerra Civil.

As previsións non se cumpriron; e teño para min que o fracaso das enquisas amosa, nesta ocasión, que somos máis capaces de mobilización para evitarmos o que tememos que para apoiarmos o que desexamos. Ou poida que para a segunda das opcións nos poida o escepticismo. Neste cálido verán, a idea dun mundo xeado antóllasenos remota; máis, coa chegada do outono, a luz irá devalando e anticíparase o frío do inverno. O 70% do electorado optou por votar, malia as vacacións e a calor. Agora cómpre interpretarmos e xestionarmos o resultado dun xeito que non nos leve a unha repetición na que a tensión se produciría entre o escepticismo e a desafección, por unha banda, fronte aos seus contrarios, pola outra: a exacerbación e a intransixencia. Do equilibrio entre estas dúas forzas depende a posibilidade dunha hipotética repetición. Somos plurais, vese claramente no mapa; agora cómpre vermos se podemos aceptalo.