Alfonso Blanco, presidente de Xermolos: «No Festival de Pardiñas somos unha familia»
LUGO
Este luns tivo lugar a presentación da 44 edición do Festival de Pardiñas, que se celebrará os vindeiros 4, 5 e 6 de agosto
31 jul 2023 . Actualizado a las 18:20 h.Un ano máis, o Festival de Pardiñas volverá a reunir a miles de persoas para celebrar a cultura galega e a música folk. Esta Festa de Interese Turístico é dos festivais máis antigos de Galicia, contando xa con 44 edicións ás súas costas. Nesta ocasión, terá lugar os vindeiros 4, 5 e 6 de agosto.
O Festival de Pardiñas celebrouse por primeira vez en 1980 e foi un dos primeiros froitos da Asociación Cultural Xermolos, creada na localidade a finais dos anos setenta. O conxunto de alicientes non se reduciu ao musical, e nos anos seguintes comezou a organizarse tamén a Mostra de Artesanía e de Instrumentos Tradicionais, considerada como unha das citas relevantes para os profesionais deses sectores. Esa ampliación do programa foi acompañada do aumento dos días de celebración: empezouse cunha xornada, pasouse a dúas e agora son tres, reservándose o venres para os cantos de taberna polos bares do centro urbano.
Unha nova edición do festival
Este luns, tivo lugar a presentación oficial do programa deste ano, unha edición que servirá como lugar de encontro entre Europa e América, xa que haberá artistas dese continente. Un acto no que estiveron presentes a Deputada de Cultura, Iria Castro, ademais da alcaldesa do concello guitiricense, Marisol Morandeira, e o presidente de Xermolos, Alfonso Blanco. Tamén interviñeron na xornada os artistas Xurxo Souto e Richi Casás, que ademais de falar sobre o que significa Pardiñas para eles, aproveitaron para cantar e animar aos asistentes co himno da festival.
Na presentación, celebrada no Balneario de Guitiriz, fíxose fincapé na necesidade de apoio entre institucións e asociacións. O líder de Xermolos, Alfonso Blanco, sinala a importancia da cultura nos pobos: «O Festival de Pardiñas tamén axuda a medrar en vida e recursos á nosa vila e a nosa comarca».
Alfonso Blanco aproveitou para recordar a filosofía do festival: «Somos unha familia en comparación con outros festivais nos que pesa máis o carácter mercantil, nós buscamos a amizade e provocar que cada un e cada unha ofreza a súa propia creatividade». No acto, tamén se falou sobre as acampadas e xuntanzas que se levan a cabo durante a festa, que para Alfonso Blanco son «un xeito de convivir e de crear vínculos».
Ver esta publicación en Instagram
O sábado, ademais de celebrarse a XLVI Carreira Popular de Pardiñas, actuará a batucada Bloquinho de Xermolos para iniciar unha noite de música na que subirán ao escenario dous grupos galegos (Boroa e Rebeliom do inframundo, que pechará o programa dese día), un escocés (The Poozies), un francés (Guilhem Desk) e un asturiano (A Tarrancha).
En canto ao domingo, haberá actuacións xa ao mediodía, co grupo valenciano A Trocamba Matanusca amenizando a sesión vermú. Os concertos dese día continuarán pola noite con nomes galegos (primeiro Caamaño & Ameixeiras e Caldo e logo Xisco Feijoo). O grupo chileno Cale Mambo e A Trocamba Matanusca ofrecerán as últimas actuacións.
Novidades
Pero esta edición contará cunha novidade na súa programación, a celebración da primeira Regueifa na Chá, unha oportunidade para aqueles que crean música mediante a improvisación oral e que, segundo o presidente da Asociación Xermolos, quedará establecida para todas as vindeiras edicións.
O encargado de pronunciar o pregón o sábado será o lutier de Outeiro de Rei, Xaneco Tubío, mentres que a escritora Sabela Núñez Singala o fará o domingo. O último día tamén se entregarán ás 19.00 horas os premios do concurso de creación infantil e xuvenil, un certame que cada vez conta con máis implicación. «Cada ano hai máis participación doutros estilos de creatividade, como teatro, cómics, vídeos musicais, regueifas...», sinala o presidente da Asociación Xermolos, responsable do festival.
A suma de todos estes ingredientes fai do festival de Pardiñas un evento no que se respira creatividade e frescura, que goza do recoñecemento de artistas, creadores e público, ademais dun espazo para dar a coñecer as músicas de todo o mundo. Esta edición número 44, contará na súa Mostra de Artesanía coa representación do espectáculo infantil Cirquack, procedente de Colombia. Alfonso Blanco adiantou que este circo falará de como a cultura «é unha ferramenta para que no mundo haxa máis liberdade».