As voces que nos deixan

LUGO

15 ago 2023 . Actualizado a las 16:57 h.

Cómpre despedir, para sempre, unha desas voces que acompañaron as nosas vidas ao longo dos anos. Déixanos o xornalista da Cadea Ser en Lugo Pepe Seijo. O meu avó lembraba a primeira vez que escoitara, na aldea, unha emisión de radio e iso marabillábame de nena. Para min, claro está, estivera aí desde sempre; mais el naceu en 1911 e a radio en Galicia botou a andar nos anos 30, así que gardaba memoria do Vello dos contos, a primeira grande estrela da radio en Galicia, e xa vello el mesmo, cando o oído comezaba a fallar e a grea de netos e netas faciamos demasiado balbordo, poñía cascos para escoitar o parte, que non perdoaba, quizais desde que moi atrás se afixera a seguir o devir dos acontecementos na Radio Pirenaica.

Os novos tempos non mudaron apenas a nosa fascinación pola radio, pola voz humana, por que nos conten cousas. Os podcast, sen os que tantas persoas non podemos vivir, son unha continuación natural da radio, pois igual ca ela dannos a posibilidade de seguirmos coas nosas vidas, acompañando desprazamentos e viaxes ou as tarefas rutineiras cotiás e nutrindo a nosa mente, agasallándonos con música, con voz, con entretemento, con noticias, con cultura.

Pepe Seijo despediuse traballando, arrincando coa xornada da mañá. Coma Molière, que morreu sobre os escenarios. Ficará, para eternidade, a súa voz, esa compañeira arrolante que nos acolle cando chegamos a este mundo con sons que aínda non comprendemos e que, por un proceso case máxico, se nos vai facendo trasparente, significativa, viva; que nos nomea e nos expresa e fica connosco ata o último día; que dá canle ás emocións máis alá do significado. Cómpre despedirmos a Pepe Seijo, agradecerlle tantas horas e tantos días nas ondas, nese traballo fermoso e impresionante que nos trouxo o século XX e sen o que as nosas vidas terían sido máis silentes e baleiras.