Piso de estudantes

LUGO

29 ago 2023 . Actualizado a las 20:41 h.

Remata o verán e perfílase, no horizonte, o comezo dun novo curso que traerá consigo a afluencia de estudantes universitarios a Lugo. O crecemento do campus e o dos graos e posgraos que se poden cursar é, sen dúbida, un asunto estratéxico para o dinamismo e a vida cultural luguesa. As cidades universitarias acaban adquirindo unha fasquía propia de enorme atractivo: Salamanca, Granada, Santiago de Compostela… E, cada vez máis, Lugo.

Máis estas cidades, no seu conxunto, sen que a nosa sexa unha excepción, enfróntanse a un perigo claro: o das vivendas turísticas. A súa alta rendibilidade fai que se retiren do mercado inmobilidario os tradicionais “pisos de estudantes” e isto merma as posibilidades de residencia para o alumnado. Urxe unha aposta decidida polo aumento das prazas nas residencias universitarias e un estudo que garanta, no tempo, a viabilidade de acollemento desta poboación tan especial e necesaria. No caso de Lugo, engádese o feito de ser, dentro do conxunto das cidades galegas, a peor comunicada, o que dificulta a alternativa á que se están acollendo xa moitos mozos e mozas que estudan en Compostela, o desprazamento diario desde áreas que abranguen, ás veces, unha hora de traxecto, malia que implique a perda da vivencia da vida universitaria.

Hai pouco tempo escoitei, por primeira vez, entre as razóns esgrimidas para escoller unha ou outra cidade para estudar, o argumento da dispoñibilidade e prezo da vivenda. Cada día é máis importante, fronte á calidade do ensino, fronte ao ambiente da vida universitaria ou á oferta cultural, un argumento puramente pragmático e económico. Transcorrido máis dun século desde La Casa de la Troya, semella que a estudantina do século XXI comeza cunha odisea pola cidade: polas inmobiliarias, polos farois, polos taboleiros de anuncios, á procura dunha vivenda que xa non lle queren alugar porque está destinada ao turismo.