Ensino rural

LUGO

20 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A prensa é unha fiestra aberta ao mundo, especialmente cando recolle historias de vida. Os pequenos casos particulares que asoman ás páxinas dos xornais teñen, malia a súa aparente insignificancia, a capacidade de levarnos a pensar en aspectos sociais de relevancia, pois, como xa se dixo repetidamente e se acepta hoxe en día de xeito xeral, o individual é político.

Vén isto ao fío desa familia de Sarria que decidiu que a súa filla estude nun colexio de Samos, malia non existir transporte que llelo facilite. A nai argumenta que o esforzo merece a pena por un ensino máis humano e eu comprendo perfectamente o que quere dicir. A procura dun contexto máis rural está atrás de moitas pequenas decisións individuais e tamén é un sentir moi común entre o profesorado. Tiven a sorte de traballar, durante 13 anos, nun instituto a 20 minutos de Santiago e asistín á xubilación de compañeiros que levaban toda a vida ensinando, desde os 24 ou 25 anos, e que de telo querido poderían terse trasladado á capital décadas antes da xubilación. Como a nai de Sarria, preferían o esforzo de desprazarse cada día. E, aínda que se pense que as motivacións das familias e as do profesorado poidan ser diferentes, á fin veñen confluír no mesmo punto: o perfil persoal do alumnado do rural é moito máis tranquilo, sereno e amable. O tipo de persoas que queremos como alumnos e alumnas, e que escolleriamos tamén como fillos e como compañeiros e compañeiras da nosa descendencia.

Cómpre, daquela, preguntarse que está a acontecer nas contornas urbanas (por máis que haxa xeneralización nesta dicotomía) para xerar persoas máis anguriadas e hostís. E, máis alá do ensino, cómpre preguntarse como vai afectar ao conxunto social que o rural estea a perderse, a minguar de día en día. Os que puidemos experimentalo sabemos que hai aí algo especial que deberiamos loitar por preservar