Un novo premio para o cinema galego

LUGO

03 oct 2023 . Actualizado a las 17:11 h.

Na última edición do festival de San Sebastián a cuncha de ouro recaeu na película “O corno”, rodada en galego por unha muller éuscara afincada dende hai anos en Galicia. O filme, de Jaione Camborda, está ambientado na Illa de Arousa, nos anos 70, e reflicte un mundo de mulleres, boa parte das mariscadoras, de paso que se achega ao espiñento tema do aborto, referido, de xeito non evidente, no propio título, polo uso do corno ou caruncho como elemento abortivo.

Este premio supón, de novo, o recoñecemento, desde os centros canónicos da cultura, de producións culturais que transitan as marxes sociais: as das mulleres, as das persoas excluídas, as dos confíns xeográficos e tamén as das linguas minoritarias. O éxito de Terra, O que arde, Matria ou O corno desafía a crenza de que a popularidade e a proxección exterior pasan polas autoestradas das linguas hexemónicas e demostra que, cando menos na arte, o auténtico e específico é un elemento que suma. A xente non fai turismo para ver eses que Marc Augé denominou os non-espazos, os aeroportos, os mcDonalds ou as grandes áreas comerciais; vai para descubrir un xeito de ser, unha gastronomía diferente, unhas formas e cores propias (xa sexa na natureza ou nas creacións humanas). E, do mesmo xeito, non nos adentramos nunha obra de arte para atopar repetidos estereotipos universais. Procuramos autenticidade, diferenza, matiz e por iso o cinema en galego traspasa fronteiras sen renunciar nin aos nosos escenarios nin á nosa lingua; e non a pesar de non facelo, senón posiblemente grazas a iso.

Así que, desde esta nosa Fisterra Atlántica, podemos sentirnos orgullosos da arte que se está a facer en Galicia, das nosas producións culturais, nacidas e afincadas nunha cultura e unha lingua propias que constitúen un valor engadido.