Tino Grandío xa conta cunha sala específica no Museo Provincial de Lugo

la voz LUGO

LUGO

Autoridades e público, na inauguración da mostra dedicada a Grandío.
Autoridades e público, na inauguración da mostra dedicada a Grandío. CEDIDA

Recolle a maior parte das 29 obras que ten en depósito a Deputación do artista lucense

27 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tino Grandío (Lousada, Guntín, 1924-1977) xa conta cunha sala específica no Museo Provincial de Lugo, en concreto a Sala 13, que foi remodelada e acondicionada para acoller as obras do artista lucense, que ata o de agora só tiña expostos cinco cadros do pintor: Virxe dos Ollos Grandes (procedente do Colexio Fingoi), Retrato da miña nai, O cazador, Feira de burros e Cura de aldea con fregueses, doados por José Fernández López, un dos máis importantes benfeitores do museo. Coa inauguración deste xoves, o público terá acceso a máis obras de Grandío.

Nos últimos anos a colección do pintor aumentou considerablemente, tanto en cantidade como en calidade, grazas aos depósitos efectuados por familiares do artista. O primeiro deles en marzo do ano 2013, o de Branca Grandío Rodríguez e Ana María Isabel Codesal, sobriñas do pintor, e máis recentemente, en maio deste ano, o depósito Figueroa, Codesal, Grandío.

Desta forma, na actualidade a colección Tino Grandío do Museo Provincial está composta por 29 cadros, entre debuxos e pinturas. A sala aberta acollerá a maior parte da colección o cal permitirá mostrar as diferentes etapas e mesmo apreciar a evolución técnica e artística do pintor.

A súa traxectoria

Tino Grandío, sendo mozo, amosou as súas inquedanzas artísticas e en 1951 recibiu unha pensión da Deputación de Lugo, o que facilitou a súa estancia en Madrid, onde estableceu a súa residencia. Alí dedicouse á pintura, aproximouse ás vangardas e relacionouse con importantes artistas e personaxes do momento. Con todo, Galicia permaneceu na súa obra, sempre de maneira obvia ou no fondo das súas creacións. A súa obra estivo entre a figuración e a abstracción, á procura da singular linguaxe pictórica, aparentemente sinxela ou esencial, que o caracteriza e fai que a súa obra sexa ben recoñecible, especialmente a súa última etapa, caracterizada polo manexo dos grises ricos en tonalidades e matices».

A colección de Tino Grandío do Museo Provincial «permítenos aproximarnos ao autor e apreciar o proceso de transformación da súa pintura e converte ao centro lugués nun lugar de referencia imprescindible para quen desexe contemplar, admirar, estudar e valorar a arte deste autor», sinalan desde o Museo.